• Os tres grupos votaron a favor de apoiar o expediente que amplía información do expediente presentado en maio

  • O censo municipal a 1 de xaneiro de 2020 quedou fixado en 4.505 habitantes

 

O Pleno do Concello de Rois aprobou hoxe por unanimidade o expediente presentado polos veciños de Angueira de Castro, ampliando información ao xa presentado en maio, solicitándolle á Xunta de Galicia que declare BIC (Ben de Interese Cultural) ao conxunto da aldea e do Castro Lupario. Na sesión celebrada esta mañá tamén se aprobou o padrón municipal a 1 de xaneiro de 2020, fixado en 4.505 habitantes.

O equipo de goberno incluíu na orde do día a petición veciñal para contar co apoio da Corporación. Segundo o alcalde, o expediente amplía información ao xa presentado no mes de maio na Xunta de Galicia, para que o Goberno autonómico declare BIC ao conxunto da aldea de Angueira de Castro e ao Castro Lupario. Dende a oposición aprobaron a iniciativa, aínda que o BNG considerou que debeu ser o Concello quen iniciara a tramitación deste expediente e, por parte do PSdeG, engadiron que para que sexa unha realidade a declaración de BIC do Castro Lupario e de Angueira será necesaria a vontade real de todas as administracións implicadas.

Na sesión tamén se aprobou por unanimidade a revisión do padrón de habitantes a 1 de xaneiro de 2020, quedando fixada a poboación do municipio en 4.505  persoas (sete menos que un ano antes). O alcalde espera que este ano se lle poida dar a volta a tendencia e medrar, en parte pola proximidade de Rois a Compostela e a diferentes vías de comunicación, e tamén polos servizos que se ofrecen no municipio. PSdeG e BNG reclamaron medidas efectivas que axuden a fixar poboación no rural.

No apartado de mocións, a do PP en contra da violencia de xénero, instando á Xunta e outras administracións a desenvolver medidas recollidas no Pacto de Estado para acabar con esta lacra, e a unha maior coordinación cos concellos, foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno e do PSdeG, e a abstención da oposición.

A moción presentada polo PP solicitándolle ao Goberno central a defensa da propiedade privada e combater eficazmente a ocupación ilegal de vivendas saíu adiante cos votos do equipo de goberno. O BNG votou en contra e o PSdeG abstívose.

Os socialistas propuxeron que o Concello de Rois se adherise ao convenio asinado entre a Fegamp e a Xunta para que esta asuma os gastos correntes que lle ocasionan os centros de saúde de Rois e Urdilde, e que non fosen pagados polo Concello. A proposta, que contou co apoio de PSdeG e BNG, foi rexeitada cos votos do equipo de goberno argumentando que nos presupostos da Xunta de 2020 están contempladas xa transferencias aos concellos para sumir eses gastos dende o Fondo de Cooperación Local.

A petición dos socialistas para que Rois asine un convenio con Padrón para o mantemento do Centro de Información á Muller tampouco saíu adiante (votaron a favor PSdeG e BNG e en contra o PP). O alcalde sinalou que este convenio está firmado dende o ano 2006 entre os concellos de Padrón, Rois e Dodro, e que o CIM atende aos tres concellos en virtude dese acordo que segue en vigor, segundo os datos facilitados polos técnicos de Servizos Sociais.