Remate das actividades deportivas nun curso complicado marcado pola covid-19

As actividades deportivas organizadas polo Concello de Rois chegan ao seu remate neste curso 2020/2021, un curso marcado pola incertidume por causa da covid e no que foi preciso parar entre os meses de novembro e febreiro as clases presenciais, así como deixar de impartir tenis e ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos.

As restricións impostas polas autoridades sanitarias para frear o avance da pandemia obrigaron a desenvolver de xeito telemático as modalidades de patinaxe artística, judo, ximnasia rítmica, ioga e zumba, uníndose deste xeito ao xadrez, única disciplina que se impartiu en liña ao longo de todo o curso.

Agás ximnasia de mantemento para maiores de 55 anos, as actividades reanudáronse presencialmente á volta das vacacións de Semana Santa, adaptadas aos protocolos sanitarios. Á hixiene de mans, o uso da máscara e a distancia de separación entre participantes, houbo que engadir o feito de que os grupos non podían superar os catro alumnos, o que supuxo un grande esforzo organizativo.

O departamento de Deportes do Concello de Rois quere agradecer a implicación e comprensión de todas as partes involucradas (empresas, clubs, monitores, alumnado e familias) para que o curso saíse adiante e confía en que as vacinacións e a contención da pandemia permitan recuperar a normalidade de cara ao futuro.

Remate das actividades deportivas nun curso complicado marcado pola covid-19