Participantes no Día da Bicicleta de Rois, que marcou un récord con 179 ciclistas

O Concello de Rois celebrou este sábado o Día da Bicicleta cunha participación de récord, un total de 179 persoas de todas as idades. José Ramón Vigo, que conta con 81 anos, foi unha edición máis o ciclista de maior idade, mentres que Hugo Castro, que aínda non fixo o ano e medio, foi o máis novo.

Baixo un sol de xustiza, as persoas participantes tomaron a saída no polideportivo de Rois e desafiaron a calor para percorrer ao redor de 19 quilómetros por un itinerario que discorreu por distintas paraxes do municipio.

Xa de volta no pavillón, os ciclistas puideron compartir uns petiscos e participaron en varios sorteos. Os premios consistiron en diferente material deportivo cedido polo Club Ciclista Padronés Cortizo, un casco e un vale de 25 euros doados pola tenda A de Mario, unha cea para dúas persoas no restaurante Pedra Santa de Santiago e unha fabulosa bicicleta regalada polo Concello.

Repartiron os distintos agasallos os concelleiros José Luis Ares e Antonio Esparís, ademais do responsable de A de Mario, Mario Castro; e o representante de Pedra Santa, Mateo Abalo.

A guinda desta auténtica festa deportiva puxérona as actuacións de danza e freestyle a cargo de Ricardo Prado e Poten100mos-Gallos del Norte.

O Concello de Rois quere agradecer tamén unha vez máis o apoio de Gadis e de Protección Civil, que velou pola boa marcha da carreira.