A Aula de Apoio Educativo, programa complementario de educación familiar dirixido a familias en situación ou risco de exclusión social, reanudou as súas actividades o pasado mes de xuño logo de recibir unha subvención do Fondo Social Europeo a través da Consellería de Política Social.
O servizo, que quedara interrumpido por causa da Covid, atende menores con necesidade de reforzo educativo e ás súas familias e funciona como complemento e de xeito paralelo ao programa de educación familiar do Concello de Rois.
Ata o momento, beneficiáronse deste programa máis de 30 menores e máis de 20 familias, que recibiron atención tanto a nivel de grupo como de forma individual. A cada rapaza e rapaz que asiste á aula, así como ás súas nais e pais, préstaselle unha orientación profesional, próxima e gratuíta que abrangue cuestións escolares e educativas.
A Aula de Apoio Educativo funciona no centro escolar de Urdilde e no Múltiusos de Rois, en horario de tarde. Para ser beneficiario do servizo, o alumnado que asiste a estas actividades require da valoración consensuada do Departamento de Orientación Escolar do seu centro escolar, así como da responsable do Programa de Educación Familiar do Concello.