O alcalde de Rois, Ramón Tojo, mantivo un encontro de traballo coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para abordar actuacións no eido das infraestruturas que permitan mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Entre os temas tratados destacou a proposta de humanización da entrada de Urdilde, que inclúa a creación dun paseo na zona máis próxima a Santiago. Este proxecto ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria, facilitar a mobilidade peonil e integrar urbanisticamente a entrada ao núcleo coa continuidade das actuais beirarrúas.
Durante a reunión, a conselleira subliñou a importancia da colaboración entre administracións para impulsar este tipo de actuacións, que ademais de mellorar os servizos e infraestruturas, favorecen a fixación de poboación no rural.