“Os proxectos individuais nun mundo globalizado non conducen a ningún sitio. Nos últimos cincuenta anos, a creación da Unión Europea trouxo consigo o maior período de paz, progreso e prosperidade que recordamos para 300 millóns de persoas”, dixo esta mañá o alcalde de Rois, Ramón Tojo, na inauguración do encontro que reúne en Rois e en Santiago a representantes dos 27 países da Unión Europea para fomentar a participación da cidadanía na construción deste proxecto común.
Nun senso similar se manifestou Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e Unión Europea da Xunta, quen afirmou que “loitar contra o euroescepticismo, facendo partícipes aos cidadáns no proceso de construción da Unión, é o principal reto para facer unha Europa máis grande, máis integrada e máis cercana aos intereses dos cidadáns”.
Mañá, todos os asistentes asinarán en Rois un protocolo de irmandamento para “seguir construíndo unha Europa unida e forte, na que todos temos cabida e moitas cousas que aportar”, asegurou Ramón Tojo. O alcalde animou a todos os presentes a seguir loitando contra o euroescepticismo. “Cada vez xorden máis procesos separatistas, que nos queren illar dos nosos irmáns e que, na maioría dos casos, se constrúen con mentiras e culpando aos demais dos nosos males”, afirmou.
Pola súa banda, Jesús Gamallo analizou as causas e consecuencias graves do euroescepticismo, que vai marcar o futuro do proxecto europeo, dixo. Para superar este reto, o representante da Xunta considera “fundamental” facilitar “máis información á cidadanía, implicándoa na construción europea, para que coñezan mellor os procedementos de decisión e queiran participar neles”.
Europa vive desafíos importantes nestes momentos. “As consecuencias do Brexit, que tamén poden afectar a Galicia, son un deles. Os procesos migratorios, a crise sanitaria e económica” son outros. Para superalos é preciso conseguir a “reconexión de Bruxelas cos cidadáns e cidadás, para que non se sintan afastados”, afirmou Gamallo.
‘As voces europeas contra o euroescepticismo’ é o título do proxecto que o Concello que Rois presentou ao programa Europa para a cidadanía e que foi aprobado pola Comisión Europea entre as 400 propostas presentadas. Ademais, o encontro de Rois é un dos poucos que reúne a representantes dos 27 países da Unión Europea. Contribuír a que os cidadáns a comprendan mellor, a súa historia e a súa diversidade, e lograr unha maior implicación e participación da cidadanía no futuro da UE, loitando contra o euroescepticismo, os populismos e a desinformación son algúns dos obxectivos que persegue este proxecto.
Jesús Gamallo felicitou ao Concello de Rois por conseguir desenvolver este proxecto, “porque é difícil acceder a estes proxectos financiados por Bruxelas”, afirmou.
Despois da intervención de Ramón Tojo e Jesús Gamallo, a profesora do departamento de Economía Aplicada da USC e veciña de Rois Pilar Freire Esparís abordou na súa conferencia os Retos da Europa do século XXI. Tras repasar o proceso de construción da Unión Europea, Pilar Freire sinalou o reto demográfico e o envellecemento da poboación como un dos principais desafíos aos que se enfronta hoxe a Unión Europea. “No 2050 as proxeccións demográficas indican que Europa representará só un 5% da poboación mundial”, dixo. Fomentar a natalidade, mellorando as políticas de conciliación laboral, familiar e persoal, son algunhas das medidas necesarias que apuntou. A profesora roisense sinalou tamén o tema da inmigración (analizado exclusivamente dende o punto de vista demográfico) como outro dos retos da Unión Europea, pois contribúe a incrementar e a rexuvenecer a poboación.
Unha mesa redonda pechou a xornada matinal. Eva Lorenzo, subdirectora de relacións coa UE, falou dos beneficios da Unión Europea a nivel local, rexional e nacional. ‘A solidariedade e a cooperación en tempos de crise’ foi o tema abordado por Rocío Ovalle, coordinadora de Cruz Vermella. Cristina Villadóniga, técnica en asuntos europeos, explicou algunhas das oportunidades que ofrece a Unión Europea aos cidadáns; e Lucía Carballeira, falou da igualdade de xénero no continente, con acento na mocidade.
Os 53 participantes estranxeiros neste encontro visitarán mañá xoves o Parlamento de Galicia e, á tarde, desprazaranse ata Rois para firmar o protocolo de irmandamento no auditorio municipal. No acto de clausura actuará alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois e do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima.
Ademais deste encontro en Rois e Santiago, está prevista a celebración doutros tres eventos ata agosto de 2022. En La Valletta (Malta), do 11 ao 14 de febreiro vaise estudar a crise migratoria que provoca o euroescepticismo. Do 19 ao 22 de abril en Budapest (Hungría) escoitaranse voces discordantes nun dos países máis contrarios ás políticas da Unión Europea. E, para rematar, do 23 ao 26 de maio celebrarase outro encontro en Tesalónica (Grecia), berce da democracia e o país que máis sufriu a intervención económica durante a pasada crise.