
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, clausuraron hoxe o obradoiro de emprego Xuventude Terras de Iria, no que durante o último ano se formaron 15 mozos e mozas dos tres concellos da comarca do Sar en tratamento e maquetación de elementos gráficos de preimpresión.
Ramón Tojo felicitou ao alumnado presente polo traballo desenvolvido durante estes doce meses, nos que combinaron formación e práctica profesional no ámbito da promoción turística e do desenvolvemento local.
“Puidestes demostrar a vosa creatividade e iniciativa nun campo que ten moitas saídas laborais”, sinalou Ramón Tojo. “Sodes os autores de toda a campaña que imos por en marcha no municipio para promocionar o primeiro concurso de tapas que se vai desenvolver en Rois no mes de novembro”, engadiu o alcalde.
Nesta obradoiro Xuventude Terras de Iria, e entre outras creatividades, o alumnado tamén se encargou de deseñar a imaxe corporativa de Terras de Iria; o cartel para a campaña do 25N do Centro de Información á Muller Terras de Iria, e dos trípticos turísticos coas rutas de sendeirismo de Dodro.
Tojo Lens volveu resaltar a colaboración entre os tres municipios da comarca do Sar para emprender iniciativas como esta “que axudan á nosa veciñanza. Algo que, cada un polo seu lado, non conseguiriamos”.
Pola súa banda, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, destacou que os participantes poñen punto e final a un ano intenso cheo de aprendizaxe, esforzo e ilusión, e subliñou que este programa abre novas portas laborais e ofrece máis ferramentas e experiencia para acceder ao mercado de traballo con garantías.
A representante autonómica felicitou aos participantes polo seu labor e destacou que ademais de aprender fixeron unha contribución de gran valor para os seus concellos e para o desenvolvemento turístico da comarca.
Ademais deste obradoiro Xuventude Terras de Iria, financiado con máis de 420.000 euros pola Xunta, Belén do Campo lembrou que os concellos de Padrón, Rois e Dodro tamén contaron cun obradoiro de emprego dual 2024-25 nas especialidades de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, cun total de 20 alumnos e unha inversión próxima aos 423.000 euros, o que eleva o investimento nestes dous talleres de emprego a preto de 850.000 euros nestes 3 concellos.
Na clausura do acto tamén participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca, o tenente de alcalde de Dodro, Ramón Abuín, e o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce. Tras as intervencións, as autoridades entregáronlles os diplomas acreditativos ao alumnado presente no multiúsos de Rois. Anxo Arca tamén destacou a colaboración entres os tres municipios e resaltou o “compromiso dos tres concellos coa mocidade”. O alcalde de Padrón fixo tamén alusión ao cartel do 25N deseñado polo alumnado, polo que “a cidadanía tamén vai ver o voso traballo e poderá comprobar que este obradoiro é un investimento que ten unha repercusión positiva en toda a veciñanza e serve para darvos unha oportunidade laboral á xuventude”.

















