O alcalde de Rois, Ramón Tojo, participou hoxe en Vigo na rolda de prensa de presentación da novena edición dos Premios Youtubeiras+, un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos (entre eles, Rois), polas tres universidades galegas e pola Deputación da Coruña. O certame chega este ano cunha ampliación importante, xa que abre a participación á creación de contidos en galego en todas as redes sociais e en todos os formatos, superando así a limitación ás plataformas YouTube e TikTok das anteriores convocatorias.

Durante a súa intervención, Tojo anunciou a composición do xurado desta edición, formado por profesionais da comunicación, da creación de contidos e da normalización lingüística: Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.

O rexedor destacou a importancia dos obradoiros de Youtubeiras+, outro piar fundamental do proxecto, que nesta edición impartirán Nuria Espasandín e Sergio Casal (Toxío) e Laura Veiga (Pingando). Ademais, presentou o lema escollido para esta edición: Alborotando o algoritmo. “Con el queremos proclamar que, malia que os algoritmos tratan de gobernar sobre o que vemos nas redes sociais, sobre o que falamos nelas e mesmo sobre como debemos falar, a decisión é sempre nosa. Está na nosa man e, tamén, na nosa lingua”, subliñou.

Na rolda de prensa, na que tamén participaron a vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda; o alcalde de Ames, Blas García; e a concelleira de Normalización Lingüística de Moaña, María Dolores Chapela, presentáronse as cifras da última edición, que en 2024 contou con 89 canles participantes e máis de 19.720 minutos de novos vídeos en galego.

Categorías, premios e inscrición

O concurso repartirá este ano un total de 7.500 euros en sete categorías: Canle, Creación de contidos, Podcast, Revelación, Calidade lingüística, Rede e Premio do Público. Os premios de Canle e Creación de contidos estarán dotados con 1.250 euros, mentres que o resto contarán cunha dotación de 1.000 euros cada un.

O prazo de inscrición xa está aberto e remata o 16 de novembro ás 23.59 horas. As bases poden consultarse na web www.youtubeiras.gal

Con estas novidades e a súa progresiva consolidación, os Premios Youtubeiras+ confírmanse como un proxecto de referencia para a promoción do talento en galego nas redes sociais, no que o Concello de Rois participa activamente como mostra do seu compromiso coa normalización lingüística.