O alcalde de Rois, Ramón Tojo, deulle esta mañá a benvida a delegación do municipio húngaro de Pasztó que estes días coñecerá a realidade socioeconómica roisense. Durante a recepción oficial no salón de Plenos Ramón Tojo amosouse orgulloso do irmandamento que asinaron os dous alcaldes no ano 2017 e que permitiu que membros da Escola Municipal de Música e do OCT Chorima visitaran o municipio húngaro en 2019.
O alcalde de Pasztó, Attila Farkas, lembrou na súa intervención a primeira visita que Ramón Tojo fixera a Hungría e agradeceu a oportunidade “de volver pasar un tempo xuntos en Galicia”. Para Farkas, que non dubidou en colocarse o pin co escudo de Rois que lle regalou Tojo Lens, esta é a súa terceira visita a Galicia.
Recentemente chegados de Hungría, e tras a recepción na casa consistorial, a comitiva trasladouse ata Sorribas para coñecer a sede e o traballo que desenvolve Amipa, a Asociación de nais e pais de persoa con discapacidade da comarca do Sar.
Nas instalacións da reitoral, a comitiva húngara levou unha sorpresa ao atoparse coa súa compatriota Alina Szabo, que reside en Boiro e estivo traballando en Amipa ata o pasado 31 de outubro. Despois de tomar un café, Inés Varela, Jorge Soto e Sonia García, tres das persoas con discapacidade que acoden ao centro, e a xerente Begoña Suárez, encargáronse de explicarlle aos visitantes todo o que fan e aprenden en Amipa. Xa pola tarde visitaron o centro de día de Urdilde e unha explotación agrícola.
Durante a súa estadía en Rois, que se prolongará ata o vindeiro mércores, día 9, a comitiva de Pasztó desprazarase ata Santiago de Compostela, Padrón e a ría de Muros-Noia. O vindeiro martes visitará a explotación gandeira Finca Varela SC, Aluminios Cortizo e o campo de golf Val de Rois. Pola tarde celebrarase un acto no multiúsos na que se falará da realidade socioeconómica de Rois, o papel da muller en Hungría e da historia común entre os dous países.