A creación dunha páxina web para promocionar as mancomunidades de montes dos concellos de Terras de Iria, dos Camiños de Santiago e das rutas de sendeirismo deste territorio son os obxectivos que se marca o equipo docente do obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2021 que promoven os concellos de Rois, Padrón e Dodro e no que participan quince mozos e mozas dos tres municipios. “Estádesvos formando nunha especialidade con moita demanda de emprego. A confección e publicación de páxinas web é o futuro nesta era dixital”, díxolle ao alumnado a xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Judit Fontela, durante a inauguración oficial.
Xuventude en Acción 2021 é un dos sete obradoiros de emprego de garantía xuvenil que se está desenvolvendo na provincia da Coruña, segundo indicou Judit Fontela no acto de hoxe. Na comarca se Santiago son catro os talleres que están en marcha este ano. Xunto a eles, a Xunta promove na provincia outros 26 obradoiros duales para formar a persoas desempregadas.
“Os obradoiros de emprego son un bo instrumento para mellorar a empregabilidade. E este no que participades ten moita saída laboral”, asegurou a xefa territorial de Emprego e Igualdade. Fontela destacou que a Xunta aporta un investimento de 350.000 euros para formar as quince persoas mozas do obradoiro de emprego que se desenvolve en Rois, e resaltou que todas elas se poden dedicar “en exclusiva” a mellorar a súa formación, xa que durante os doce meses de formación están a recibir un salario. Cando remate este período de formación, o vindeiro mes de agosto, todas as persoas participantes “recibirán un certificado de profesionalidade válido en todo o territorio nacional”, afirmou a representante da Xunta de Galicia.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, destacou o apoio económico da Xunta para por en marcha este obradoiro de emprego, o cuarto que se organiza en Rois para persoas mozas. “Dende que os tres concellos, Rois, Padrón e Dodro, traballamos conxuntamente nestas iniciativas en Terras de Iria podemos chegar a máis recursos”, asegurou Tojo Lens, quen destacou que este é un dos sete obradoiros de emprego para persoas mozas que se executa na provincia da Coruña.
El alcalde de Rois destacou tamén a potencialidade turística de Terras de Iria, con recursos que sorprenden as persoas que visitan o territorio, polo que animou ao alumnado a aproveitar o período de formación e a por en valor estes recursos.
No acto de inauguración oficial de hoxe tamén participaron o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; o tenente alcalde de Dodro, Ramón Abuín, a directora do obradoiro, Dolores Romero; o persoal docente, Ana Becerra e Nicolás García, e a administrativa, Purificación Iglesias. Os quince mozos e mozas comezaron o pasado mes de agosto a súa formación no deseño e publicación de páxinas web ata o próximo verán.