A Asociación Neboeira Cultura e Tempo Libre ven de aprazar a andaina nocturna de terror Paso do Alén que estaba previsto celebrar mañá pola noite, en colaboración co Concello de Rois. As previsións de mal tempo para mañá son o motivo polo que a entidade organizadora decidiu pospoñer unha semana esta actividade, para a que estaban anotadas máis de 500 persoas.
Sempre que as predicións meteorolóxicas o aconsellen, esta actividade vaise celebrar o vindeiro sábado, 9 de novembro, co mesmo programa e horarios establecidos previamente, con saída ás 20.30 horas do polideportivo dos Dices en Rois.
Paso do Alén xa informou ás máis de 500 persoas inscritas o aprazamento da actividade. “É unha actividade na cal máis de 100 persoas de diferentes asociacións e entidades locais levamos traballando máis de 3 meses, buscando a máxima calidade e satisfacción das persoas inscritas. Consideramos que as condicións meteorolóxicas previstas para o 2 de novembro limitarían moito a calidade da actividade, polo que decidimos aprazala”, indica o comunicado que Neboeira Cultura e Tempo Libre remitiu ás persoas inscritas.
A intención da organización é celebrar ‘Paso do Alén: andaina nocturna de terror’ o vindeiro sábado 9 de novembro, mantendo os grupos xa establecidos previamente, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, decisión que comunicaran definitivamente nos vindeiros días.
Así mesmo, solicitan que aquelas persoas inscritas que non poidan acudir o día 9, o comuniquen antes do martes 5 de novembro.