O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, propuxo a posibilidade de asinar un convenio de colaboración coa Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega para apoiar proxectos de dinamización da nosa lingua relacionados cos plans da Xunta. O responsables autónomico fixo esta afirmación durante a reunión que mantivo a semana pasada co presidente e membros da directiva da asociación recentemente constituída e que agrupa a 17 concellos de toda Galicia.

O alcalde do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños; o de Rois, Ramón Tojo Lens e a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, Escarlata Pampín; así como as persoas responsables dos servizos de normalización destes concellos e mais a do Concello de Pontevedra, reuníronse o pasado mércores co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín  García, co fin de presentarlle a recentemente de constituír Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. A xunta directiva está presidida polo alcalde de Rianxo e da mesma forman parte representantes dos concellos de Pontevedra (que asume a secretaría) e Rois, Ames e Narón (con vogalías).

A asociación, na que se agrupan xa 17 concellos de toda Galicia, naceu coa vontade de colaborar na promoción do uso da lingua galega, a través da coordinación de proxectos de dinamización lingüística que na actualidade están a organizar de maneira conxunta e que co paso dos anos foron acadando unha dimensión moito maior. Algúns exemplos son o Programa Apego (primeira infancia), o Club de debate (mocidade), Youtubeir@s (tecnoloxías e comunicación), Enreguéifate (oralidade), etc.

Na xuntanza, que tivo lugar na sede compostelá da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Valentín García propuxo a posibilidade de asinar un convenio que sirva para apoiar os proxectos que desenvolva a asociación, sobre todo aqueles que están relacionados cos plans que a Administración autonómica está a implementar, como é o caso do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade (2018-2022). Ademais, tamén se valorou incluír neste convenio un programa de formación de calidade para o persoal técnico de normalización lingüística das administracións locais.

Tanto o secretario xeral como as representantes dos concellos, mostraron a súa boa predisposición a colaborar na medida do posible, tanto para difundir o traballo da asociación como para desenvolver outras accións que fomenten o traballo colaborativo entre as distintas administracións que teñen competencias na promoción e na defensa da lingua galega.

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega ten previsto reunirse en vindeiras datas con representantes doutras institucións, como son as presidencias das deputacións provinciais e da FEGAMP, co fin de valorar posibles vías de colaboración.