-
Celebrarase no campo da festa de Rois
-
OCT Chorima, Pandeireteiras de Ermedelo e Repeniqueiras de Urdilde son as agrupacións locais participantes
-
Nace para ofrecerlle á gran canteira musical de Rois un espazo no que expresar e compartir a súa arte
-
Os asistentes poderán gozar da natureza cun trail, un xantar e xogos populares durante toda a xornada
Santiago. 26-06-2018. Pepe Vaamonde Grupo e Virandeira serán as principais atraccións do Festival NaturFest, que se celebrará o 28 de xullo no campo da festa de Rois e no que tamén intervirán o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, Pandeireteiras de Ermedelo, Repeniqueiras de Urdilde e Asociación Folclórica San Xiao do Trebo, de Cariño. O festival ten como obxectivos “situar a Rois outra vez como lugar importante da comarca para a promoción cultural e poñer en valor o patrimonio artístico e cultural cun evento que sexa recoñecido más aló das nosas fronteiras”, explicou esta mañá na presentación o alcalde de Rois, Ramón Tojo.
A música será a gran protagonista do Festival NaturFest, aínda que tamén terán cabida outras propostas para poñer en valor o noso territorio e o noso patrimonio. A xornada comezará cun trail para gozar do entorno facendo deporte na natureza. Un xantar popular, diferentes xogos tradicionais e unha ciclobiblioteca completarán a oferta lúdica. “Queremos manter o sentimento das vellas tradicións do pobo e dos seus costumes, como eran as festas e traballos comunais noutrora grandes motores das relación sociais do noso entorno e que hoxe están totalmente extintos”, indicou Antía Vicente, membro de Chorima e da organización do festival.
O novo Festival NaturFest 2018 presentouse esta mañá no Museo do Pobo Galego como unha fusión de dúas citas musicais estivais, que celebraran tres edicións cada unha: o Chorima Naturfest, que promovía o OCT Chorima, e o Rois Arrasa!!!, impulsado polo Concello de Rois. “Aínda que os resultados destas iniciativas foron positivos, tanto dende o Concello como dende Chorima decatámonos de que sumando forzas podiamos crear un único e sólido festival co que enxalzar o panorama musical, tanto local como galego”, dixo o alcalde na presentación.
Tojo Lens afirmou que este novo NaturFest “nace coa finalidade de ofrecerlle á gran canteira musical que temos en Rois un espazo no que poida expresar e compartir a súa arte. Queremos que tanto a veciñanza de Rois coma do resto de Galicia atope no campo da festa un lugar no que achegarse un pouco máis á nosa cultura”, engadiu.
Antía Vicente, do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima de Rois, reiterou esta idea asegurando que dende a organización do festival se busca “xuntar ás persoas do noso entorno, para pasar un día de lecer, un día de convivencia, onde nos vexamos e gocemos de deporte, xantar, xogos, e, sobre todo, da boa música, todos xuntos”.
As Pandeireteiras de Ermedelo e as Repeniqueiras de Urdilde serán as encargadas de poñer a música á unha e media, antes do xantar popular. Pola tarde, os asistentes gozarán coa música dos grupos ‘Fedellos’, ‘Túzaros’ e ‘Rebentabois’, formada polos máis novos do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, fundado en 1995 e que se converteu nun dos referentes da cultura tradicional do noso país, que conta con máis de medio cento de músicos de todas as idades. Tamén actuará a Asociación Folclórica de San Xiao de Trebo, de Cariño.
Pola noite, o primeiro prato forte do NaturFest, será a actuación de Virandeira Folk, a banda viguesa que aposta máis que nunca pola mestura de xéneros, estilos e sons, dende a música celta ao rock. Chema Alonso sinalou que o grupo está co último ano de xira do seu segundo disco, ‘Metamorfose’, e que xa están a traballar no terceiro, que verá a luz no ano 2019.
Para rematar a velada, outro dos referentes da música folk do país, Pepe Vaamonde Grupo, presentará o seu último disco ‘Nas pedras do lar’ nun directo contundente e orixinal que fan da banda liderada por Pepe Vaamonte e Pipo Alvariño un dos referentes da música folk galega. “Mantemos a tradición, sen renunciar aá fusión de estilos”, dixo Alvariño na presentación, engadindo que “faltan eventos como o Naturfest de Rois para potenciar a música tradicional”.
Para a organización do NaturFest, o Concello de Rois conta coa colaboración do OCT Chorima, da Consellería de Cultura da Xunta, da Deputación da Coruña e da Axencia Galega de Industrias Musicais (Agadic), a través do seu programa ‘Cultura no Camiño’. Ramón Tojo asegurou que o certame ten vocación de continuidade: “se por separado estivemos tres anos, xuntos, Concello e Chorima, chegaremos moito máis lonxe no tempo promocionando a nosa música”.
#RoisNaturFest é o hashtag elexido para promocionar o festival nas redes sociais.