O desexo de ampliar o número de espectáculos e o tipo de propostas para reforzar a oferta cultural levou aos concellos de Padrón e Rois a unir os seus esforzos e a deseñar por primeira vez unha programación coordinada para o último trimestre do ano. O resultado é Outono Cultural, un programa que inclúe unha vintena de espectáculos e que se iniciará en Rois en outubro para despois levar ao público dos dous concellos a Padrón nos meses de novembro e decembro. Concertos, exposicións ou conferencias son algunhas das propostas, entre as que destacan as obras de teatro, que se ofrecerán de xeito gratuíto.
O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, resaltaba esta mañá na presentación da iniciativa que “ao ser dous concellos moi próximos, deste xeito podemos ofrecer máis espectáculos e chegar a un maior número de persoas”. O seu homólogo de Rois, Ramón Tojo, engadía que deste xeito “contamos cun orzamento global maior, aforrando recursos en cada concello, e incrementamos o apoio á cultura galega, ao darlle a oportunidade a máis compañías para que poidan representar as súas obras”. Os dous alcaldes volveron destacar os beneficios que supón levar a cabo actuacións conxuntas entre os municipios da Comarca do Sar, como ocorre cos obradoiros de emprego, na promoción de rutas turísticas ou, neste caso, na programación cultural.
A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, explicou que o auditorio municipal de Rois acollerá os cinco espectáculos teatrais que se desenvolverán no mes de outubro e que se iniciarán o sábado 8 coa interpretación por parte da Agrupación teatral Pedroso da obra Nin o demo entende as mulleres. A programación continuará o sábado 15 con Go on!, de Malasombra Producións; e terá dobre sesión na seguinte fin de semana con Metamorfosis e o Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo), o venres 21 e o sábado 22, respectivamente; e pecharase o sábado 29 coa repressentación de A parábola do angazo, de Talía Teatro.
En novembro, colle o testigo Padrón con propostas para todas as fins de semana do mes, festival de corais, actuación da banda municipal e sesións de achegamento á historia medieval, segundo explicou a concelleira de cultura, Lorena Couso. A programación comeza o xoves 3 coa inauguración da exposición de pintura Reencontro coa Galicia medieval e o concerto Medievalium Gallaecia e continúa na mesma semana coa obra Os cravos de prata, a cargo da asociación de mulleres rurais A Carballeira de Extramundi o venres 4, e DROP, do gañador do XXI Premio Maruxa Villanueva Pablo Reboleiro o sábado 5. “Unha vez rematada a obra de teatro, o Concello de Padrón entregaralle a Pablo Reboleiro o galardón que lle otorgou o xurado deste premio”, especificou Lorena Couso.
Para a segunda semana de novembro están programadas outras tres propostas. Unha conferencia sobre os castelos medievais galegos o xoves 10; a presentación do documental Galicia peregrina. A ruta portuguesa de Santiago e a actuación musical Fado Fusión a cargo de Erea Castro co seu proxecto Arraial o venres 11; e a representación De algo hai que morrer, de Malasombra Producións, o sábado 12.
O venres 18 volverá o teatro con Un bombón inesperado, da compañía de Teatro Martabellas, antes de honrar á patroa da música co festival de corais no que participarán a Padronesa xunto ás de Cariño e Carballo o sábado 19, e un concerto da Banda de Música Municipal de Padrón o sábado 26.
E, xa en decembro, máis teatro con Conexión Pingüin o venres 2, República Sideral o sábado 3, Complexo de Edipo, de Quico Cadaval o venres 9; e Xacovedra, de Andaravía Teatro, o sábado 10.
Propostas para público familiar
A maiores do Outono Cultural, Ramón Tojo sinalou que en Rois está programada unha actuación para público familiar o martes 18 de outubro de Caramuxo Teatro, que representará a obra Catro no auditorio municipal pola tarde. Pola mañá haberá funcións para os escolares.
Antonio Fernández Angueira, pola súa banda, avanzou que Padrón ofertará tamén en outubro seis propostas orientadas á cativada e ao público familiar. Esta programación iniciarase o venres 7 de outubro co espectáculo de música e xogos Xogar e aprender en galego mola. Así mesmo, inclúe a función do mago Kiko Pastour, que forma parte do Festival mundial de ilusionismo Galicia ilusiona, o martes 11; o contacontos para bebés Zapatos, o venres 14; o espectáculo de narración, música e escultura A árbore calada, o martes 25; e dous talleres educativos sobre invertebrados, que se desenvolverán os venres 21 (para peques de 3 a 6 anos) e 28 de outubro (para nenas e nenos de 7 a 12 anos).
Todas as actividades son gratuítas nos dous concellos. No caso de Padrón, haberá que recoller entradas no centro social a partir do 10 de outubro para o contacontos Zapatos e para os obradoiros.
Para a programación do Outono Cultural, os concellos de Padrón e Rois contan coa colaboración da Xunta de Galicia, nalgúns casos a través do programa Ler conta moito, e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.