Os Reis Magos veñen de confirmar a súa tradicional visita a Rois o 5 de xaneiro e anuncian que ao longo do día percorrerán unha a unha todas as parroquias para saudar persoalmente a cada nena e neno do municipio. Ademais, despois recuperarán a clásica recepción oficial no polideportivo de Rois para rematar a xornada cunha animada festa.
O formato gustou moito o ano pasado e, por iso, as Súas Maxestades de Oriente repetirán o seu itinerario en autobús polo municipio de Rois con paradas nos campos da festa para saudar á cativada. A comitiva partirá xa pola mañá do Auditorio para ir facendo altos en Rois (10.45 horas), Buxán (11.30h), Leroño (12.00h), Augasantas (12.30h), Ermedelo (15.00h), Urdilde (15.45h), Costa (local social, 16.30h), Herbogo (17.15h), Seira (17.45h), Sorribas (18.15h), Ribasar (18.45h) e Oín (19.30h), punto este último onde realizarán a ofrenda.
Pero non rematará aínda aí a xornada. Porque os Reis Magos se encamiñarán logo cara ao polideportivo dos Dices para asistir á recepción oficial e sumarse á festa que, dende as 18.30 horas, entreterá a espera dos pequenos con música, xogos e talleres.
Tamén no pavillón procederase á entrega dos premios do concurso escolar de tarxetas de Nadal, repartiranse agasallos entre as crianzas e poderáse gozar en familia de rosca e chocolate. Será un doce aperitivo para a noite máis máxica do ano.