Os Reis Magos volverán un ano máis ao Concello de Rois o 5 de xaneiro. Melchor, Gaspar e Baltasar confirmaron xa que percorrerán cada unha das doce parroquias do municipio e animan a toda a veciñanza, e en especial á rapazada, a participar nas diversas actividades e merendas organizadas en colaboración co tecido asociativo local. Como é tamén tradición, os Magos de Oriente pecharán a xornada cunha ofrenda ante o Neno Xesús en Oín e asistirán á recepción oficial no polideportivo de Rois.
A comitiva real iniciará o seu percorrido ás 10.45 horas en Rois, onde a asociación Sanamede ten preparados un almorzo e unha visita ao belén parroquial. Ás 11.30 horas será recibida pola Asociación Cultural San Xoán de Buxán para compartir outro almorzo cos asistentes. A continuación, ás 12.00 horas, Leroño daralle a benvida os Magos con actividades infantís na antiga escola da Canteira. Ás 12.30 horas, en Augasantas, celebrarase unha chocolatada e, para amenizar a espera, desenvolverase dende as 11.00 horas un taller de pintura.
Xa pola tarde, ás 15.00 horas, as Súas Maxestades visitarán o local veciñal de Ermedelo, onde haberá unha merenda e diferentes sorpresas. Ás 15.45 horas achegaranse a Urdilde, onde a comisión de festas ofrecerá bebidas e doces na cantina do campo da festa e organizará un taller de manualidades. O percorrido continuará ás 16.30 horas en Costa, con chocolatada no local social, e ás 17.15 horas en Herbogo, onde a cativada poderá desfrutar dunha merenda acompañada de sorpresas. Ás 17.45 horas, os Reis teñen prevista a visita a Seira e ás 18.15 horas a Sorribas. Ás 18.45 horas, en Ribasar, a ilusión quentarase cunha chocolatada con rosca no local veciñal.
A última parada realizarana ás 19.30 horas na igrexa de Santa María de Oín, onde os Reis Magos realizarán a ofrenda ante o Neno Xesús.
A longa xornada da comitiva real pecharase no polideportivo de Rois, onde dende as 16.30 horas haberá música, xogos e talleres. A recepción oficial dos Magos por parte das autoridades municipais terá lugar ás 20.00 horas e, a continuación, todas as nenas e nenos poderán achegarse a eles para facer as súas últimas peticións e recibir os primeiros agasallos da noite. Un chocolate ben quentiño axudará a adozar o corpo e combater o frío a todas as persoas asistentes.
O Concello de Rois quere agradecer a implicación das asociacións veciñais na organización da comitiva dos Reis Magos e convida a todas as familias a participar da ilusión deste día.

















