Fieis á súa cita anual coa cativada, os Reis Magos visitaron este 5 de xaneiro o pavillón municipal de Rois para repartir maxia, agasallos e moita ilusión entre as familias do municipio. Malia as adversas condicións meteorolóxicas, que obrigaron a suspender a comitiva real polas parroquias, Melchor, Gaspar e Baltasar demostraron o seu compromiso coa veciñanza acudindo persoalmente ao pavillón, onde foron recibidos cunha gran festa.

As Súas Maxestades foron recibidas polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, e polos concelleiros Victoria Quiroga, José Luis Ares, Manuel Cobas e José Manuel López. O pavillón municipal vestiuse de gala con luces, música, xogos e obradoiros para facer máis entretida a espera das familias asistentes. Ademais, non faltaron o chocolate quente e os churros, que puxeron o toque doce a unha xornada marcada pola maxia e a ledicia.

Durante a súa visita, os Reis Magos repartiron os primeiros agasallos entre as nenas e nenos presentes, quen aproveitaron para facer as súa últimas peticións antes da gran noite. Este encontro permitiu que as familias de Rois gozaran dun ambiente de convivencia e festa, malia a necesidade de adaptar os plans debido á choiva.

O Concello de Rois agradece a colaboración das asociacións veciñais e das comisións de festas que contribuíron a facer posible esta celebración e destaca o esforzo de todas as persoas implicadas na organización deste evento tan especial.