Os Reis chegan ao polideportivo de Rois para desfrutar dunha gran festa

O Concello de Rois viviu este luns 5 de xaneiro unha véspera de Reis inesquecible, marcada pola ilusión, pola participación veciñal e pola visita da comitiva real a todas as parroquias do municipio.

Nun día de inverno de moito frío no que se alternaron o sol e a chuvia, os Reis Magos, moi puntuais iniciaron o seu percorrido no campo da festa de Rois, para continuar percorrendo todo o termo municipal ao longo da xornada.


Pola mañá visitaron as parroquias de Buxán, Leroño e Augasantas, mentres que pola tarde a comitiva real chegou a Ermedelo, Urdilde, Costa, Herbogo, Seira, Sorribas e Ribasar, levando a ilusión a cada recuncho de Rois.

O alcalde, Ramón Tojo, acompañou aos Reis Magos na súa parada na igrexa de Oín, onde as Súas Maxestades realizaron a tradicional ofrenda ante o Neno Xesús, e encabezou posteriormente a recepción oficial no polideportivo de Rois.

O pavillón foi escenario dunha animada e concorrida celebración na que, con xogos, música e chocolate con churros, as familias desfrutaron dunha tarde festiva mentres as nenas e os nenos tiveron ocasión de facerlle as súas últimas peticións aos Reis Magos, que lles entregaron os primeiros agasallos da noite: un calendario de Apego, un estoxo de cores e unha lambetada.

Ao longo de toda a xornada apoiaron a comitiva real a técnica de Cultura, Anayansi Singh, e o técnico de Deportes, Roberto Agrelo, así como os concelleiros Victoria Quiroga, José Luis Ares, Mercedes Basante, Manuel Cobas, José Manuel López e Antonio Esparís, que saudaron aos Reis Magos e velaron polo bo desenvolvemento da celebración.

Agradecementos

O Concello de Rois quere darlle as grazas a todas as persoas e colectivos que fixeron posible que vivísemos unha véspera de Reis inesquecible. Mandámoslle un especial agradecemento ás asociacións veciñais, que animaron o traxecto real coas súas chocolatadas, doces e obradoiros, e tamén á Protección Civil, fundamental para que a xornada se desenvolvese con normalidade.

Revive a maxia da xornada neste álbum de fotos.