As persoas autónomas que veñen de ser nais ou pais e tiveron que contratar alguén para axudalos no seu traballo ou coidar do bebé unha vez rematado o período de descanso poden solicitar ata o 25 de outubro as axudas da Xunta destinadas a facilitar a conciliación. A convocatoria deste ano inclúe, ademais, achegas para eses traballadores por conta propia que teñen tamén ao seu cargo menores de 12 anos, maiores ou dependentes.
A convocatoria de axudas, publicada no DOG do pasado 24 de setembro, recolle catro tipos de bonos. En todos os casos, poden solicitalos os autónomos que gozaran dun permiso logo do nacemento do seu bebé e contrataran unha persoa por conta allea entre o 1 de outubro de 2020 o 30 de setembro de 2021 durante un mínimo de seis meses e un máximo dun ano co obxecto de facilitar a súa conciliación.
O Bono Autónomo Concilia I está destinado á contratación dunha persoa para apoiar o traballo do interesado. O II cubre, mentres tanto, a contratación dalguén que se ocupe do coidado dos menores, maiores ou dependentes ao seu cargo para que poida volver á actividade. En ámbolos supostos as axudas poden acadar ata os 500 euros ao mes se o contrato é a tempo completo.
A terceira e a cuarta liña de apoios comprenden, pola súa parte, os gastos da escola infantil, dun centro de maiores ou dun servizo de coidado. Poderán optar a eles aqueles autónomos beneficiarios dun bono Concilia I ou Concilia II.
Os bonos son compatibles entre si. Isto significa que unha persoa autónoma que tiña sido nai ou pai recibirá achegas tanto para contratar unha persoa que a cubra no traballo como para que coide dos seus achegados permitíndolle volver á actividade e tamén para pagar unha escola infantil ou unha residencia. Sumando os distintos apoios, os beneficiarios poden recibir ata 12.000 euros.
As solicitudes deberán presentarse na sede electrónica da Xunta co código de procedemento TR341R incluíndo sempre a resolución da Seguridade Social na que se indica o período de descanso por nacemento. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 24 de setembro.