-
A petición do persoal, o venres colocaron unha mampara de cristal na parte administrativa do centro médico de Rois
Operarios do Concello de Rois están esta mañá a desinfectar as beirarrúas e o exterior dos edificios situados na capital municipal, como o concello e o centro de saúde, para colaborar na prevención da propagación do coronavirus Covid-19. Dende o venres á tarde e durante a fin de semana os operarios estiveron tamén desinfectando o interior tanto dos centros de saúde de Rois e de Urdilde como da casa consistorial.
Con estas medidas, dende o Concello quérese contribuír á loita contra o coronavirus Covid-19 evitando a súa propagación e os contaxios entre a poboación que teña que acudir tanto ao centro de saúde como ao Concello, ou deba pasar polo exterior de ambos centros.
Tanto en Rois como en Urdilde, os operarios municipais están desinfectando os exteriores dos centros máis concorridos: Concello, centros de saúde, farmacias, supermercados, etc.
Ademais destas medidas de desinfección con ozono, o pasado venres, e a petición do persoal do centro de saúde, o Concello de Rois colocou unha mampara de cristal nas dependencias administrativas do centro médico, para evitar o contacto directo entre o persoal que traballa nestas dependencias e a veciñanza que ten que acudir ao médico.