Once locais de hostalería de Rois participaron este domingo 23 de febreiro coa iniciativa do Concello repartindo tapas de Caldo de Gloria entre a súa clientela como forma de celebrar o día de nacemento de Rosalía de Castro. A ampla programación para celebrar o Día de Rosalía incluíu tamén actividades musicais, un sorteo en redes sociais.
Este domingo, once establecementos hostaleiros ofreceron unha tapa de Caldo de Gloria a todas as persoas que se achegaron a tomar algo a estes establecementos. A tapa ía acompañado dun orixinal pousavasos no que recollía un fragmento do poema Miña casiña, meu lar.
Nesta iniciativa participaron Mesón A Casiña, Café-bar A Lúa, Taberna Angueira, Hotel Camiño do Mar, Taberna Casa Benjamín, Casa rural Fogar do Selmo, Bar Muelle, Bar O Pemento, e o restaurante do Club de golf Val de Rois. Pola tarde sumáronse o Café-bar Malecón e Taberna Venezuela.
Como parte da homenaxe, o Concello distribuiu 2.025 manteis e 1.000 pousavasos conmemorativos entre os locais de hostalería, os centros educativos CPI Os Dices, CPPI O Pumar e A Galiña Azul, así como na Asociación Amipa e no Centro de día de Urdilde.
Música e sorteo en redes sociais
A música tivo tamén un papel fundamental nesta conmemoración, cunha serie de concertos organizados no Auditorio municipal. O venres 21 e o sábado 22 de febreiro, a Escola Municipal de Música de Rois ofreceu dous concertos de solistas, mentres que estes domingo 23 alumnado da ESMU participou con Xoán Curiel no seu espectáculo Treides comigo!.
Ata final deste mes de febreiro, a biblioteca municipal de Rois contará cun espazo dedicado a Rosalía, onde as persoas visitantes poderán descubrir novas adquisicións literarias sobre a escritora e facerse unha foto no posadoiro especial preparado para a ocasión.
Un ano máis, o Concello anima a toda a cidadanía a compartir contidos relacionados con Rosalía nas redes sociais ata o 28 de febreiro, utilizando os cancelos #RoisconRosalía e #DíadeRosalía. Entre todas as persoas participantes sortearanse dous lotes de libros sobre a autora, un en Facebook e outro en Instagram.



















