Victorino Trenco Diz, veciño de Padrón, fíxose cos 200 euros de premio do Concurso de Carteis do Santo Isidro de Rois con un deseño de touros con aires picassianos que se empregará para anunciar as festas patronais roisenses neste ano 2023.
Así o decidiu o xurado do certame, reunido este mércores 19 de abril na Casa do Concello de Rois e que estivo formado por Beatriz García Ron, profesora de debuxo de educación secundaria no CPI Os Dices; o escultor roisense Camilo Seira; e o concelleiro Manolo dos Santos, que exerceu como representante municipal por delegación do alcalde.
As Festas do Santo Isidro 2023 desenvolveranse os días 15 e 16 de maio, aínda que a programación se estenderá coa celebración do Día das Letras Galegas.