
A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou parte do trazado dunha liña eléctrica de alta tensión autorizada pola Xunta, situada na contorna do Castro Lupario e do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, debido á súa afectación a un territorio histórico e paisaxe cultural. Desta forma, acolleu o recurso interposto polo Concello de Rois contra o acordo do Consello da Xunta que aprobou a construción e declarou a utilidade pública da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica.
O Concello de Rois aprobara no pleno celebrado o 22 de outubro de 2022 interpoñer recurso contra a autorización da Xunta, apoiando deste xeito a petición veciñal, recurso que agora foi aceptado polo TSXG. A presentación do recurso fora aprobada cos votos a favor do equipo de goberno (PP) nunha sesión na que o grupo socialista abandonara o salón de plenos antes da votación e o BNG non acudira á mesma.
“A sentenza vén confirmar que o recurso presentado polo Concello estaba ben fundamentado e argumentado”, sinala o alcalde. “No seu día dixerámoslle á veciñanza que o Concello ía defender os intereses do municipio, e creo que esta sentenza é unha proba diso”, engade Ramón Tojo.
Segundo recolle nun comunicado de prensa o propio TSXG, a Sala entende que a contorna xeográfica pola que discorre a liña entre as torres 26 e 28, na que se atopan os elementos catalogados pazo de Angueira de Castro, Castro Lupario, pazo do Faramello e Camiño Portugués a Santiago, “debeu ser considerado e analizado na avaliación de impacto ambiental no seu conxunto, non só examinando os seus elementos individualmente”. Na sentenza, os maxistrados consideran acreditado o vínculo entre o Castro Lupario e o Camiño de Santiago “polo protagonismo que na tradición xacobea posúe a Raíña Lupa na narración da Traslatio do apóstolo Santiago, recollida de forma oral e tamén no celebérrimo Códice Calixtino”. Así, destacan que “o encontro nun mesmo paraxe, por unha banda, do castro onde a tradición sitúa a morada da Raíña e, doutra, do Camiño Portugués a Santiago, constitúe un fito único en toda a ruta, xa que ambos elementos físicos integran un mesmo paisaxe e son partes que explican e contan unha mesma historia cultural, patrimonial e espiritual, sen a cal Galicia sería hoxe un pobo diferente”.
“Por se isto non abondase, nesta contorna hai dous pazos catalogados, un de orixe baixa medieval –de Angueira de Castro– e outro do século XVII –do Faramello–, que testemuñan a evolución histórica do noso país a nivel económico, arquitectónico e social”, destaca o tribunal na resolución.
O TSXG salienta que a Lei 5/2026, de Patrimonio Cultural de Galicia, protexe determinadas categorías de bens, aínda que non viñesen precedidos dun expediente administrativo. “Tal é o caso, neste suposto, da consideración da paraxe como territorio histórico, cuxa cualificación deriva directamente da existencia da ruta portuguesa do Camiño de Santiago e a súa catalogación no Plan Básico Autonómico de Galicia de 2018”, explica a Sala, á vez que subliña que, no relativo á consideración como paisaxe cultural, “concorren os elementos de feito para considerar estar ante un lugar identificable por un conxunto de calidades culturais materiais e inmateriais singulares”.
En concreto, sobre a afección patrimonial ao Castro Lupario, o alto tribunal galego afirma que o proxecto infrinxe a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Así, destaca que as liñas de alta tensión sobrevoan o perímetro de protección do castro, polo que conclúe que “resulta evidente que afecta á apreciación do ben e impide a súa adecuada contemplación”. Ademais, os maxistrados conclúen que o trazado definitivo aprobado na contorna do castro infrinxe a Lei de protección da Paisaxe de Galicia. O TSXG tamén sostén que o tendido aéreo afecta a un ben catalogado, o Camiño Portugués, “sen explicar a idoneidade do punto escollido para o cruzamento”, a pesar de que “impón un gravame visual evidente por tempo indefinido a este territorio histórico, que impacta negativamente no mesmo”.
A Sala acolle que os bens patrimoniais afectados integran o concepto de territorio histórico do Camiño Portugués a Santiago e que o seu conxunto “integra materialmente valores apreciables desde a perspectiva da paisaxe cultural”. O tribunal explica que debe dar prevalencia ao contido do Informe do Consello da Cultura de Galicia fronte o emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta á hora de considerar acreditada “a concorrencia dunha pluralidade de elementos patrimoniais que, considerados no seu conxunto, podan integrar no sentido xurídico unha paisaxe cultural e un territorio histórico abranguido pola ruta do Camiño Portugués a Santiago”. “Fronte o peso reputacional do Consello da Cultura de Galicia, a dirección xeral encarga un informe do que en realidade non hai proba ningunha da súa existencia, a alguén de quen se oculta reiteradamente a súa identidade, a pesar de dicir que é unha persoa experta en paisaxe cultural, cun alto e recoñecido prestixio internacional nesta materia”, indica o TSXG na sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.