
O xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, reuniuse este xoves cos alcaldes de Rois, Ramón Tojo, e de Dodro, Xabier Castro, para informarlles das xestións que está a levar a cabo a dirección da área sanitaria compostelá para atopar un pediatra que manteña a atención sanitaria nestes concellos tal e como se estaba a facer ata o de agora.
Así pois, no encontro, no que tamén estivo o director de procesos asistenciais da área sanitaria, Javier Ventosa, púxose de manifesto as enormes dificultades que atravesa a sanidade pública española para atopar pediatras en atención primaria. Non obstante mantense firme o compromiso de volver á situación previa á xubilación do actual pediatra, nas mesmas condicións.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, destacou a importancia de que os dous concellos sigan contando cun pediatra para atender aos menores, como viña acontecendo ata o de agora. Tojo agarda que dende o Sergas se solucione a situación “o antes posible, e se poida contratar un pediatra que siga atendendo nos dous concellos, pois é un servizo moi importante para toda a veciñanza”.
Rois comparte pediatra con Dodro. Hai un único profesional que atende aos nenos e nenas de ambos centros de saúde xa que entrambos suman un cupo de preto 450 nenos/as en total, cando a sociedades científicas recomendan cupos tope de 900 nenos/as.
O pediatra titular está ausente e xa non se incorporará porque se xubila, así pois, a dirección de atención primaria leva meses facendo unha busca activa para atopar substituto. Mentres, os pacientes pediátricos son atendidos no centro de saúde de Padrón, que ten un pediatra titular e conta cun reforzo temporal doutro pediatra en canto non se acade a contratación doutro profesional para esta praza.
Dende a xerencia da area sanitaria aseguran que os menores teñen a atención sanitaria totalmente garantida. Tanto polo propio médico de familia dos seus centros de saúde (os maiores de 2 anos) como por un pediatra en Padrón (os menores de 2 anos). Cando o facultativo de atención primaria de Dodro ou Rois o estime necesario, será un pediatra o que atenda aos nenos de máis de dous anos. Ángel Facio resaltou que non hai demora na atención sanitaria en ningún destes centros e que dada esta situación temporal a solicitude de cita para unha consulta ten que ser telefónica ou presencial, non vía internet.