O alumnado da Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois volveu ofrecer este domingo o segundo concerto de solistas como peche ao curso académico 2021-22. Nesta ocasión no auditorio congregouse o alumnado de acordeón, piano, violín e canto, que fixo as ledicias do público nunha clausura particularmente emotiva.

O espectáculo arrancou de mans do acordeón, abrindo camiño para que alumnos e alumnas de todas as idades amosasen nunha actuación en solitario todo o aprendido durante este ano, se ben non faltaron actuacións grupais e a dos coros. O coro de maiores, formado por alumnado e profesorado da escola de música cantou a canción tradicional ucraína “Schedrik”. O coro infantil, despois dunha primeira actuación en solitario contra a guerra e doutra conxunta cos maiores, pechou o concerto coa popular canción ‘No se habla de Bruno’.

O primeiro concerto de solistas celebrouse o pasado domingo, día 20. Tras a actuación de onte, o director, Manuel Villar, animou a todas as persoas asistentes a volver matricularse na Escola de Música de Rois, que este ano contou cun cento de alumnos e alumnas.