
A tenente de alcalde de Rois, Mercedes Basante, asistiu esta mañá ao acto de clausura do Programa Integrado de Emprego Dodro 2024-25 no que participan os concellos de Rois, Padrón, Dodro, Pontecesures, Catoira e Valga. Un cento de persoas desempregadas de diferentes colectivos estivéronse formando durante nove meses e, ao remate do PIE, o 41% delas estaban xa traballando.
Mercedes Basante felicitou ás 41 persoas que conseguiron un posto de traballo, “porque sodes persoas de proveitos e boas traballadoras. Un ano máis volvemos superar o obxectivo que nos marca a Xunta de incorporar ao mercado laboral un mínimo de 37 persoas”, asegurou.
Ademais de destacar a importancai da colaboración entre diferentes administracións, Mercedes Basante tivo tamén palabras para o alumnado que segue a buscar emprego. “Non vos desanimedes. Seguídeo intentando. Durante estes meses recibistes unha formación de calidade, e demostrastes que sabedes facer as cousas”, dixo.
Tamén o alcalde de Dodro, Xabier Castro, incidiu na importancia da colaboración entre os seis concellos para desenvolver esta iniciativa, e anunciou que xa están traballando para solicitarlle á Xunta unha nova edición do programa integrado de emprego, que sería a undécima. Tamén agradeceu a colaboración das empresas da comarca por facilitar tanto que o alumnado puidese facer prácticas durante a súa formación como por darlle unha oportunidade laboral. “Este é o ano que conseguimos unha maior taxa de inserción laboral entre o alumnado, con 41 contratos xa formalizados”, explicou Xabier Castro.

No acto tamén interviñeron a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, e a directora xeral de Emprego e Formación da Xunta, Zeltia Lado.
As autoridades entregaron os diplomas de profesionalidade que acadaron as persoas que participaron neste programa integrado de emprego. Ao remate do PIE, 41 das 100 persoas que se formaron conseguiron incorporarse ao mercado laboral, superando deste xeito o 37% de inserción laboral que esixía a Xunta de Galicia, que financiou este programa cunha achega de 220.000 euros da Consellería de Emprego.
Antes da clausura oficial do PIE, o alumnado participou nunha xornada na que representantes de seis empresas da comarca lles explicaron que perfís profesionais están a buscar, déronlles orientacións para presentar os currículos e consellos para que lles sexa máis doado atopar un posto de traballo. Nesta sesión participaron representantes de Conservas Cerqueira, Stac, Cortizo, Finsa, Ana Muñiz e Servicios Integrais de Formación.O Programa Integrado de Emprego Dodro 2024-2025 ofreceulle ao alumnado un amplo abano de actuacións, como información e asesoramento laboral personalizado, formación en sectores clave como a industria alimentaria, fabricación mecánica, téxtil, administración e xestión, comercio, hostalería, turismo, servizos á comunidade, sociosanitarios e de imaxe e son. O alumnado tamén participou en obradoiros de coaching e de intelixencia emocional, desenvolvemento habilidades sociais, entrevistas laborais e prácticas non laborais, así como accións de fomento ao autoemprego e de colaboración con empresas da zona.

















