O presidente da Xunta avanzou que ao longo do ano 2027 estará operativo o tramo da autovía entre Brión e Urdilde, que se corresponde coa primeira fase do desdobramento do corredor Brión-Noia. Alfonso Rueda, acompañado polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, e pola conselleira de Infraestruturas, María M. Allegue, supervisou hoxe o avance das obras neste tramo de 4,9 quilómetros nos que a Xunta fai un investimento de 11,2 millóns de euros.

Ramón Tojo destacou que esta ampliación da autovía ata Urdilde “vai ser moi beneficiosa para Rois, porque vai favorecer a expansión da zona norte do municipio, ao quedar moito mellor comunicada con Santiago e con Noia”. Tojo resaltou na súa intervención que “que a Xunta cumpre cos compromisos adquiridos” e agradeceu esta intervención.
Na visita tamén participaron a tenente de alcalde, Mercedes Basante, e o concelleiro Manuel Cobas; os alcaldes de Brión, Lousame e Outes; e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, entre outras autoridades.
Durante a visita ás obras que se están a levar a cabo no primeiro treito, que une Brión e Urdilde, o titular do Executivo galego avanzou que a previsión do Goberno autonómico é que esta nova vía “poida abrirse e entrar en funcionamento durante o 2027”. Trátase dunha actuación estratéxica para mellorar a conexión entre a área de Santiago e a de Noia-Barbanza, “unha zona pola que circulan 123.000 vehículos diarios e cunha poboación de 160.000 persoas que se incrementa no verán”, dixo o presidente.

Nesta primeira fase, que supón desdobrar os primeiros 4,9 km desta vía de altas prestacións e un investimento de 11,2 millóns de euros, xa se executou arredor do 10% do total do proxecto, con traballos centrados fundamentalmente en labores previos como a roza, drenaxes ou movementos de terras. A nova infraestrutura será similar á autovía Santiago-Brión, dispoñendo de dous carrís de 3,5 metros de ancho en cada sentido da circulación.
Rueda salientou que, máis alá das cifras técnicas, o verdadeiramente importante desta obra é o beneficio directo que supón para o día a día das persoas e para a mellora da súa calidade de vida. “As infraestruturas son para mellorar a vida das persoas, non para complicala”, indicou para asegurar que construír autovías implica “máis seguridade viaria, máis comodidade, máis rapidez e máis desenvolvemento”.
O titular do Goberno galego enmarcou este proxecto na folla de ruta da Xunta en materia de vertebración do territorio, á que este ano se destinan un total de 263 millóns de euros para infraestruturas viarias. Esta continuidade nos investimentos permitiu que Galicia supere xa os 500 quilómetros de rede propia de vías de altas prestacións (VAP), logrando que “oito de cada dez galegos, vivan onde vivan, teñan unha vía de alta capacidade a menos de 10 ou 15 quilómetros do seu lugar de residencia”, afirmou o presidente da Xunta.


















