O Pleno da Corporación de Rois aprobou por unanimidade a moción presentada polo Partido Popular con motivo do Día Internacional da Muller na que, entre outros puntos, reclaman máis políticas a prol da igualdade e de conciliación familiar. A moción para mellorar a atención primaria foi aprobada cos 7 votos a favor do Partido Popular e os 2 en contra do grupo socialista.
Na sesión ordinaria celebrada este venres 7 de marzo debatéronse as dúas mocións presentadas polo grupo de goberno popular. O grupo socialista apoiou a relativa ao 8M e votou en cotra da que propón accións para mellorar a atención primaria ao entender que esta competencia correspóndelle a outras administracións.
Entre outros aspectos, a Corporación de Rois reclámalle tanto á Xunta como ao Goberno central máis políticas a prol da igualdade de oportunidades e un maior financiamento para as medidas postas en marcha polos concellos para facilitar a conciliación familiar, así como reforzar a protección das mulleres fronte aos contidos sexistas difundidos a través das novas tecnoloxías. A creación de xulgados de violencia de xénero en Santiago, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol, como reclama o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e outra das demandas da moción aprobada por unanimidade
O grupo socialista votou a favor da proposta, aínda que amosou discrepancias en nalgúns aspectos, como os xulgados de violencia de xénero, amosándose a favor de crear un en Santiago, sempre que se manteña a atención a estes delitos tamén nos de Padrón e Ribeira.
A moción para mellorar a atención primaria foi aprobada só cos 7 votos a favor do PP e os 2 en contra dos socialistas. Entre outros aspectos solicítaselle ao Goberno central que axilice o proceso de homologación de títulos do persoal sanitario, que se incorporen novas prazas acreditadas a actividades formativa de especialistas ou que se eleve ata os 72 anos a idade máxima para o exercicio da profesión médica.
No apartado de rogos e preguntas, o socialistas Manuel Regueira solicitou que se retome o plan de mellora no interior das aldeas dos municipio e preguntou polo convenio con Lousame para implantar un punto limpo móbil que permita a recollida para a posterior reciclaxe de refugallos entre os dous municipios.
