O Pleno da Corporación Municipal de Rois aprobou hoxe sendas mocións, presentadas polo PP e polo PSdeG, con motivo do 8M Día Internacional da Muller. As dúas iniciativas recibiron o apoio unánime do Pleno, e teñen como obxectivo instar ás administracións autonómica e central a insistir nas medidas para eliminar as desigualdades de xénero na nosa sociedade.
A moción presentada polo Grupo Popular busca estreitar a fenda de xénero nos ámbitos da ciencia, da tecnoloxía e da investigación. O pleno ordinario, celebrado en vésperas do 8M Día Internacional da Muller, serviu para que o consistorio reclame máis visibilidade para o traballo das científicas e a reactivación de órganos de promoción da investigación feminina como a Unidade de Mulleres e Ciencia do Ministerio de Ciencia e Innovación ou o Observatorio Mulleres, Ciencia e Innovación.
A moción aprobada solicita da Xunta apoio ás “vocacións científicas das nenas e das mozas, principalmente desde o ámbito educativo”. Así, chama ao goberno autonómico a colaborar con organizacións de mulleres científicas para promover un maior coñecemento dos referentes femininos neste campo, e a proseguir coa formación do profesorado e do persoal de orientación dos centros educativos neste sentido. O texto chama, ademais, a “promover a corresponsabilidade e a conciliación entre a vida laboral, persoal e familiar para o exercicio da profesión académico-científica-tecnolóxica”.
Ademais, mediante a aprobación desta moción o Concello de Rois reclama do Goberno do Estado que se reactive a Unidade de Mulleres e Ciencia, pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación, “como órgano necesario para implantar a perspectiva de xénero nas políticas científicas”. Tamén pide que volva funcionar o Observatorio Mulleres, Ciencia e Innovación, órgano interministerial encargado de monitorizar a situación das mulleres no eido da investigación. Así mesmo, reclama un Plan de Igualdade de Xénero e non discriminación en Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. A proposta, presentada pola concelleira Mercedes Basante aprobouse por unanimidade.
Tamén por unanimidade foi aprobada a moción presentada pola edil Patricia Ces en nome do grupo municipal socialista, na que se insta á Xunta de Galicia á creación dun organismo autónomo que deseñe, impulse, avalíe, asesore e coordine as políticas de igualdade de xénero e sensibilice á sociedade galega co fin de conseguir a igualdade real e efectiva de mulleres e homes na nosa Comunidade.
Nesta mesma moción, o PSdeG insta ao Concello de Rois a corrixir a linguaxe sexista en todos os textos municipais. A este respecto, a concelleira popular Mercedes Basante aclarou que esta é unha medida que xa se está a aplicar na actualidade.
Outras mocións
O pleno de Rois votou negativamente á moción presentada por Begoña Ares, concelleira do BNG, referida ao apoio á Iniciativa Lexislativa Popular sobre medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria. O alcalde Ramón Tojo explicou este posicionamento en contra alegando que esta iniciativa responde a un “uso partidista da sanidade”. A moción foi rexeitada cos votos en contra do PP e a favor de PSdeG e BNG.
A outra iniciativa exposta polo BNG referíase á instalación do parque eólico Marco e das infraestruturas anexas e de evacuación, así como da central hidroeléctrica de bombeo reversible do Tambre. Esta moción foi igualmente rexeitada cos votos en contra do Partido Popular.
Na primeira parte do pleno o alcalde, Ramón Tojo, deu conta dos informes de morosidade de tesouraría e de intervención correspondentes ao terceiro e o cuarto trimestres do ano 2022. Os avances en relación coa municipalización do servizo de axuda no fogar ou as axudas doutras administracións recibidas para o Punto de Atención á Infancia que se poñerá en marcha en Urdilde foron algúns dos temas tratados no apartado de rogos e preguntas deste pleno, que se pode ver íntegro neste enlace.