O Pleno da Corporación de Rois aprobou esta mañá na sesión ordinaria do mes de marzo sendas mocións do Partido Popular e do BNG con motivo do Día Internacional da Muller. A moción presentada pola concelleira de Servizos Sociais Mercedes Basante foi aprobada con votos a favor dos cinco concelleiros do PP e 1 do BNG, o voto en contra de Patricia Ces (PSdeG) e a abstención dos outros dous concelleiros socialistas. A proposta presentada por Begoña Ares (BNG), que incluíu unha emenda presentada polos populares, aprobouse por unanimidade.
Entre outros puntos, en ambas mocións solicítaselle ao goberno central a aprobación dunha Lei de Igualdade Salarial que remate coa fenda salarial e a modificación e actualización da Lei de Conciliación e Corresponsabilidade para facer compatible a vida laboral e familiar. Tamén se solicita que o Goberno central non demore máis a ratificación co convenio 189 da OIT e atenda as demandas das traballadores do fogar e que aumente os recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia ao Goberno galego.
Nas mocións aprobadas tamén solicítaselle á Xunta de Galicia que fomente medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade a través de plans específicos; realizar un plan de sensibilización e concienciación no conxunto da sociedade para ter horarios máis racionais; a elaboración dunha nova Lei de igualdade ou o impulso e creación dun corpo específico de inspección laboral que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias.
No momento da votación, PP e BNG votaron a favor das dúas iniciativas, mentres que os concelleiros socialistas apoiaron a moción do BNG, mentres que na proposta do goberno, Patricia Ces votou en contra e os seus compañeiros abstivéronse.
A moción presentada polo grupo socialista para que o Goberno de Rois valore a implantación da app Liña Verde, para a xestión de incidencias e que fomenta a participación veciñal foi rexeitada polo equipo de goberno. O alcalde explicou que o Concello de Rois conta dende 2018 cunha app para a xestión de incidencias, pero que ao non estar satisfeitos co seu funcionamento hai semanas que se puxeran en contacto con Liña Verde para implantar esta aplicación en Rois, mantendo incluso unha reunión con representantes da empresa.
O goberno local tamén rexeitou a iniciativa do BNG para que o Concello exeza de mediador cos propietarios de casas baleiras coa intención de facilitar o movemento do mercado inmobiliario e poder facilitar que máis persoas residan en Rois. O alcalde explicou que esa xestión lle corresponde ás inmobiliarias ou empresas do mercado privado, que é un tema moi complexo e que o Concello non debe involucrarse neses temas, xa que poñer unha propiedade en venda ou aluguer é unha decisión do propietario.
O bono social eléctrico ou a colocación dos colectores do lixo en Seira (chegando a prohibir o aparcamento de vehículos diante) foron algúns dos temas tratados no apartado de rogos e preguntas deste pleno, que se pode ver íntegro neste enlace.