O Pleno da Corporación de Rois aprobou esta mañá por unanimidade firmar o convenio con Augas de Galicia para que o organismo autonómico redacte o proxecto e acometa a construción da nova depuradora de augas residuais de Urdilde, que terá un orzamento próximo ao millón de euros.
Os tres grupos políticos coincidiron na necesidade de mellorar o saneamento de Urdilde, xa que a actual depuradora non ten capacidade para acometer esta función. As preguntas de BNG e PSdeG sobre cal era o proxecto, o tipo de instalación que se vai acometer e se iría no mesmo sitio que a actual, o alcalde replicou que será Augas de Galicia a que redacte o proxecto, para dar unha solución de futuro á parroquia de Urdilde, e que a instalacións contará coas últimas tecnoloxías.
Por unanimidade aprobouse tamén a moción do BNG para solicitarlle ao goberno central que estableza os mecanismos necesarios para reducir a tarifa da luz. A elección de xuíz de paz substituto, para o que se presentou só a mesma persoa que leva varios anos exercendo este posto, foi aprobado tamén polos tres grupos políticos con representación na Corporación.
Na sesión tamén se acordou a desafectación dun camiño público no lugar de Oín, na parroquia de Santa María de Oín, como solicitara a veciñanza, para mellorar o acceso a diversas fincas. O punto contou co voto favorable de PP e PSdeG e a abstención do BNG.
Coa abstención do PSdeG, o voto en contra do BNG, o PP aprobou convocar un concurso para a cesión en uso mediante concesión demanial da área de aparcamento municipal situada no ámbito do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal de ampliación de Aluminios Cortizo. Trátase dunha finca destinada a aparcadoiro público situada preto da fábrica que no seu día fora cedida por Cortizo ao Concello.
O alcalde xustificou a proposta de sacar a concesión a concurso público (pola que o Concello percibirá algo máis de 57.000 euros) porque esa parcela está preto da fábrica e a lei non permite o cambio dese terreo por outro, e que como aparcadoiro público fará tamén un servizo ás persoas que traballen na fábrica. A concesión farase por un período de 75 anos.
A moción presentada polo BNG reclamando un plan de mantemento de edificios e espazos públicos contou co apoio do PSdeG, pero foi rexeitada polo PP ao asegurar o alcalde que o equipo de goberno está a realizar cada ano o mantemento dos locais e na realización de actividades nas diferentes parroquias.
No capítulo de rogos e preguntas, o BNG interesouse polo parque eólico Huracán, que saiu a exposición pública e contempla 3 aeroxeneradores en Rois. O alcalde indicou que o técnico municipal está examinando o proxecto para ver que actuacións se poden facer dende o concello. O BNG solicitou que se dé traslado dese informe aos grupos da oposición.
Dende o Concello xa se remitiu un bando á veciñanza explicando que as persoas que se poidan sentir afectadas poden solicitar máis información no concello e que teñen de prazo ata o 29 de setembro para presentar alegacións.
O grupo socialista preguntou cando van comezar as obras de mellora do CPI dos Dices, respondendo o alcalde que o retraso é debido a falta de materias primas e que o cambio de cuberta e ventás no colexio empezarán cando se conte con material necesario.