A Corporación de Rois aprobou esta mañá, cos votos a favor do Partido Popular e en contra do grupo socialista, iniciar o expediente de desafectación de tramos de dous camiños públicos que actualmente no teñen uso e que están situados en Albagueira, na parroquia de Ermedelo. A tramitación do expediente publicarase agora no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica do Concello de Rois para que, durante o prazo dun mes dende a súa publicación, as persoas e entidades interesadas poidan presentar suxestións, alegacións ou as reclamacións que estimen oportunas.

A petición foi realizada por Manuel López López coa finalidade de, unha vez rematada a desafectación, facer unha permuta comprometéndose a abrir, nunha finca da súa propiedade, un novo camiño duns 58 metros de longo por 4 de ancho desde a estrada que vai de Vilachán a Ermedelo ata o camiño de Albagueira a Penavide. Este novo camiño permitiría conectar o monte veciñal en man común coa estrada asfaltada.

O que se pretende con esta solicitude, segundo figura nun informe técnico do pasado mes de abril, é reorganizar os camiños desta zona, suprimindo os traxectos que non se están usando (por ser moi estreitos e ter moita pendente) e substituínlos por unha nova vía con máis ancho que permite o tránsito de maquinaria e vehículos idóneos para os traballos agrícolas e forestais.

A Consellería de Medio Rural tamén informou favorablemente a desafectación a principios deste mes de xuño.

A proposta da alcaldía considera que esta reordenación dos camiños sería beneficiosa para o interese público, polo que o PP votou a favor da desafectación. O grupo socialista votou en contra despois de solicitar todo o expediente.

Screenshot