
A Corporación de Rois acordou no pleno extraordinario de hoxe destinar a gasto corrente os 249.199,60 euros do plan POS+ Adicional 4/2026. Antes de comezar a sesión gardouse un minuto de silencio no exterior da casa consistorial en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Toledo, no que participaron membros da Corporación, persoal municipal e veciñanza.
A proposta debatida en Pleno para destinar o POS+ adicional a gasto corrente foi aprobada cos 6 votos a favor do equipo de goberno (PP) e coa abstención da oposición (2 do PSdeG e 1 do BNG).
No pleno tamén se acordou modificar o anexo do cadro de persoal no orzamento de 2026 para crear a praza de persoal laboral temporal coa denominación de encargado da brigada municipal de obras e servizos. Esta praza crease en substitución dunha praza da brigada de xardineiros que quedou vacante pola xubilación da persoa que ocupaba ese posto. Este acordo aprobouse cos votos a favor do PP e a abstención do BNG e do PSdeG.
O Concello tamén modificou a ordenanza reguladora do prezo público pola utilización dos polideportivos municipais para actualizar o acceso ao ximnasio municipal. A partir de agora para entrar ao ximnasio municipal poderase obter un carné individual ou familiar, que se pagará para toda a temporada (de outubro a setembro) ou para media temporada (de abril a setembro). O prezo acordado para carné individual é de 50 euros para toda a temporada e 30 euros para media temporada. No caso do carné familiar, establécense 90 e 50 euros, respectivamente, para os mesmos períodos. Esta proposta aprobouse cos votos a favor de PP e PSdeG e coa abstención do BNG.

















