O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, clausurou onte o Programa Integrado de Emprego (PIE) Terras de Iria V promovido polos concellos de Dodro, Padrón e Rois. A iniciativa permitiu que 65 persoas atopasen un posto de traballo das 100 que recibiron unha formación de calidade para facilitar a súa inserción sociolaboral en sectores como o metal, o comercio, a hostalería e os servizos. Rois, Padrón e Dodro porán en marcha o PIE Terras de Iria VI cunha achega da Xunta para as anualidades 2019-2020.
No acto de clausura, celebrado onte no concello de Dodro, estiveron presentes os alcaldes de Dodro, Francisco Xabier Castro Tourís, e o de Rois, Ramón Tojo Lens, así como o tenente de alcalde de Padrón, Ángel Rodríguez Conde, e o concelleiro de emprego de Dodro, Abel Tarrío Abuín.
O programa integrado de emprego combina a formación con acceso a un certificado profesional con actividades de orientación e asesoramento individualizado, intermediación laboral e acompañamento na procura de emprego, obradoiros de motivación, así como formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas. Nestes momentos, 65 das persoas participantes xa se atopan traballando, unha cifra que permite ao PIE Terras de Iria V superar a ratio de inserción laboral que establece a Xunta de Galicia, como xa aconteceu tamén en edicións anteriores.
Pablo Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados co compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda Galicia.
Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.
A xornada rematou coa exposición dun vídeo a modo de resumo das diferentes accións realizadas polos participantes e a entrega de diplomas.