O Punto de Atención á Infancia de Rois xa é unha realidade. Empezará a recibir ata a vinte menores de tres anos o vindeiro día 7 de abril, despois das vacacións de Semana Santa. Pero antes ábrese o prazo de matrícula. As familias que queiran levar a súas crianzas ao PAI de Rois deberán formalizar a matrícula entre o 1 e o 20 de marzo tanto para asistir o que queda deste curso como para o 2026-2027. A empresa que se encargará de xestionar o PAI de Rois será Aurora, Pilar y Ana SL.

A solicitudes de matrícula (cubrindo o formulario adxunto) deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello de Rois ou, de maneira presencial, na área de Servizos Sociais do Concello ata o 20 de marzo, inclusive. O centro está financiado pola Consellería de Política Social e o Concello de Rois e a matrícula no mesmo é gratuíta.

Unha vez rematado o prazo de matrícula e analizadas todas as solicitudes, o 7 de abril, despois das vacacións de Semana Santa, o PAI de Rois comezará a recibir ás primeiras crianzas. A empresa adxudicataria da licitación que sacou o concello, Aurora, Pilar e Ana SL (que ten experiencia na xestión dous centros similares e de escolas infantís noutros municipios galegos) encargarase de desenvolver o proxecto educativo do PAI e atender aos menores.

20 prazas con preferencia para menores de Rois

O PAI de Rois pode atender ata a 20 menores de entre 3 meses e 3 anos. Para esta primeira matrícula terán preferencia os nenos e nenas que estean empadroados en Rois, xunto cos seus pais ou nais. O empadroamento deberá manterse durante todo o tempo no que as crianzas fagan uso da praza outorgada, segundo recolle o regulamento aprobado no pleno da Corporación do pasado 26 de setembro. A prioridade de grado 3 queda reservada para familias non empadroadas en Rois. O Punto de Atención á Infancia contará cunha praza de emerxencia social, que se ocupará por recomendación dos Servizos Sociais municipais.

O PAI funcionará de setembro a xullo, de 8.00 a 15.30 horas de luns a venres, salvo festivos, e contará con servizo de comedor. Estará pechado en agosto, coincidindo co período vacacional.

Para o vindeiro curso 2026-2027, terán prioridade de grado 1 as renovacións de menores que xa teñan praza e que estean empadroados en Rois xunto cos seus pais e nais. A prioridade de grado 2 serán para novos ingresos de familias empadroadas no municipio, e o grado 3 mantense para familias non empadroadas.

En caso de quedar prazas vacantes admitiranse matrículas fora do prazo fixado polo Concello. Hai que ter en conta que para reservar praza, a nena ou neno ten que ter cumpridos 3 meses (non se admiten reservas de menores que non teña nacido).

O PAI de Rois estará atendido por 3 profesionais, 2 de atención educativa e 1 persoa de apoio.

No regulamento aprobado no pleno de setembro establécense as funcións dos cadro de persoal, normativa de matrícula e de admisión de menores, as normas de alimentación e convivencia, así como os dereitos e obrigas das familias, entre outros aspectos.

Servizo de comedor

Nese mesmo pleno, a Corporación de Rois aprobou tamén a ordenanza que regula o prezo público polo servizo de comedor do PAI. O prezo que deberán pagar as familias é o establecido polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, no que a Xunta de Galicia fixa o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 anos.

Para o curso 2025-2026, a Xunta establece un custo polo servizo de comedor que oscila entre a gratuidade e os 74,05 euros mensuais en función da renda familiar. O prezo público por día solto de comedor é de 4,23 euros. Na ordenanza aprobada, o Concello de Rois establece bonificacións do 20% para familias numerosas e monoparentais, e para a segunda e sucesivas crianzas dunha mesma familia. Tamén se contemplan exencións no pago do comedor para as rendas iguais ou inferiores aos 7.500 euros anuais a partires do segundo fillo, e para as familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda.