Cartel do Outono Cultural 2025

O Concello de Rois presenta a súa programación do Outono Cultural 2025, unha completa proposta de espectáculos de cinema, teatro ou maxia pensados para diversos públicos que se desenvolverán entre os meses de novembro e decembro no Auditorio Municipal. Todos os espectáculos teñen entrada libre ata completar aforo.

O programa arrinca o sábado 15 de novembro coa proxección da premiada película As Bestas (NRM13), un drama ambientado na Galicia rural que gañou 9 premios Goya, entre eles o de mellor película e o de mellor actor de reparto para o compostelán Luis Zahera.

As citas continuarán o sábado 22 coa obra Bicos con lingua, da compañía Talía Teatro, unha comedia que nos convida a reflexionar sobre os usos e abusos da lingua galega na nosa vida cotiá. O teatro pechará tamén o mes o sábado 29 de novembro da man de Serea Teatro, que representará Sen lingua trasladándonos á sala de espera dun coach emocional onde agardan a súa quenda o matrimonio formado por Amador, un financeiro de éxito, e Amanda, unha avogada laboralista que xa non exerce.

Xa en decembro, o ciclo inclúe dúas novas propostas teatrais: o sábado 13, Malasombra Teatro traerá a Rois a comedia De algo hai que morrer, e o sábado 20, Contraproducións subirá ao escenario con Apaga o candil, unha reflexión chea de humor e ironía sobre a realidade contemporánea.

Todas estas funcións terán lugar ás 20:00 horas no Auditorio Municipal.

O Outono Cultural tamén reserva os venres ás 18.00 horas un espazo especial para o público infantil e familiar dentro do ciclo Outono Miúdo. O venres 21 de novembro, a compañía Teatro Gazafelhos presentará Travesía Unicornio, unha proposta teatral chea de humor que cambia os roles tradicionais de xénero para que a cativada poida escoller libremente segundo os seus gustos.

Despois, o venres 19 de decembro e xa nas vacacións escolares, o Mago Paco inundará o auditorio de ilusión co seu espectáculo A maxia do Nadal mergullándonos de cheo nestas datas. A programación especial proseguirá xusto despois do día de Nadal coa proxección do filme Wonka o venres 26 de decembro. Esta película, perfecta para gozar en familia, poñeralle a guinda ao Outono Cultural cunha proposta na que a imaxinación e a música se dan a man para narrar os inicios do mestre chocolateiro Willy Wonka

Esta nova edición do Outono Cultural, desenvolvido grazas ao apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña, reafirma o compromiso do Concello de Rois coa promoción da cultura, facilitando o acceso da veciñanza a espectáculos de calidade e gratuitos sen saír do municipio.