Cartel da charla sobre benestar animal no multiúsos de Rois

O Concello de Rois e Xea, a empresa que se encarga da recollida e coidado dos animais abandonados no municipio, organizaron unha serie de charlas para sensibilizar á veciñanza fronte ao abandono e ao maltrato dos animais domésticos.

A primeira destas charlas, aberta ao público e gratuíta, desenvolverase este venres 22 de marzo no auditorio municipal ás 19.00 horas e servirá tamén para falar e resolver posibles dúbidas sobre a nova lei de benestar animal.

As persoas asistentes terán así mesmo a oportunidade de participar en varios sorteos. Os empadroados en Rois poderán gañar a alimentación da súa mascota durante todo un ano, mentes que entre o resto do público sortearanse produtos doados por Agrobotica Urdilde, Agroesparís Comercial e Agronovo Rois.

A esta charla uniranse outras de carácter didáctico para os escolares do municipio coa idea de achegar os máis pequenos ao benestar animal. A sesión do CPI Os Dices desenvolverase este xoves 21 de marzo e no CEIP O Pumar farase o venres 22.

O Concello de Rois quere agradecer a todas as persoas colaboradoras e aos centros escolares o seu interese por educar en benestar animal e dedicarlle tempo a este tipo de campañas.