Cartel do intercambio xuvenil en Venecia

Oito mozas e mozos de Rois con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos poderán viaxar a Venecia este verán para participar nun intercambio con outra xente nova da escola técnica profesional IIS Vendramin Corner, por mor dun acordo de cooperación que asinaron no pasado mes de maio o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o director da escola veneciana, Michelangelo Lamonica.

Como se recolle neste acordo de colaboración, a delegación de Rois viaxará a Italia do 24 ao 31 de agosto e acepta o compromiso de recibir a mozas e mozos do IIS Vendramin Corner a finais deste ano ou a principios do próximo.

A mocidade de Rois que estea interesada en participar neste intercambio deberá facer a solicitude nas oficinas do Concello na vindeira semana, entre o luns 17 e o venres 21 de xuño dende as 9.00 ata as 14.00 horas, tendo en conta que as prazas se outorgarán por rigorosa orde de inscrición. A documentación que necesitan é o DNI e a tarxeta sanitaria europea.

O intercambio ten un prezo de 200 euros, que cubre o avión, o aloxamento, a manutención, o seguro de viaxe e as actividades e visitas que se programen neses días. O ingreso deberá facerse cando se confirme a dispoñibilidade de praza.

Dutante a súa estancia en Venecia, a mocidade de Rois traballará coa local para desenvolver competencias, habilidades e destrezas vencelladas á empregabilidade, a solidariedade e á cidadanía activa. Ademais, realizará excursións para coñecer a cidade e a súa contorna.

O acordo bilateral entre Rois e a Escuola Polo Técnico Professionale IIS Vendramin Corner dálles continuidade ás diversas accións de intercambio intercultural que Rois vén promovendo nos últimos anos, entre elas as viaxes da Escola de Música Municipal a Italia ou Letonia, a participación no programa  Europe for citizen grazas ao proxecto ‘Voces europeas desafían o euroescepticismo’ ou os campamentos internacionais de verán no Castro Lupario.