Xa hai data para o III Trail e Andaina Montes de Rois, que se celebrará o domingo 11 de xaneiro de 2026 con saída e chegada no polideportivo municipal de Rois. A proba, organizada polo Concello de Rois, súmase ao calendario do Ranking Galego de Trail Running na serie prata e presenta nesta terceira edición un percorrido completamente modificado que posibilitará que as persoas participantes poidan descubrir novas paraxes naturais do municipio.
O novo itinerario pasará por Infesta, Casas do Porto e Buxán, e incluirá o ascenso por parte do monte Treito, un dos puntos máis emblemáticos da contorna. Ademais, discorrerá pola Ruta das Penicias, unha fermosa senda que amosa a riqueza natural e patrimonial de Rois.
Como xa é habitual, a proba contará con tres modalidades de participación:
- Trail longo (20 km, 815 m de desnivel positivo), con saída ás 10.00 h.
- Trail curto (13 km, 420 m de desnivel positivo), con saída ás 10.00 h.
- Andaina (13 km, 420 m de desnivel positivo), con saída ás 10.05 h.
O percorrido da andaina e do trail curto será o mesmo, mentres que o trail longo ofrecerá un reto máis esixente para as persoas afeccionadas ao trail running.
Durante a proba, as persoas participantes disporán de dous avituallamentos en ruta no trail longo e de un no trail curto e na andaina, así como duns petiscos á chegada no polideportivo de Rois. Todas as persoas inscritas recibirán tamén un agasallo conmemorativo e entrarán no sorteo dun par de zapatillas de trekking en cada modalidade (trail longo, trail curto e andaina).
As inscricións abriranse o venres 14 de novembro ás 22.00 horas na plataforma www.emesports.es. Todas aquelas persoas que queiran teñen de prazo para anotarse ata o mércores 7 de xaneiro ás 22.00 h.
Atendendo as datas de inscrición, establécense dous tramos con prezos diferenciados:
- Primeiro tramo: do venres 14 de novembro ás 22.00 h ao luns 15 de decembro ás 00.00 h
- Trail longo: 15 €
- Trail curto: 12 €
- Andaina: 10 €
- Segundo tramo: do martes 16 de decembro ás 00.01 h ao mércores 7 de xaneiro ás 22.00 h
- Trail longo: 18 €
- Trail curto: 15 €
- Andaina: 12 €
As persoas gañadoras da categoría xeral masculina e feminina da edición 2025 terán a inscrición de balde.
En canto ás condicións de participación, no trail longo e no trail curto só poderán inscribirse persoas maiores de idade, cun máximo de 200 participantes por modalidade. Na andaina, non competitiva, poderán participar camiñantes a partir dos 8 anos, tendo en conta que os menores de idades deberán ir na compaña dunha persoa adulta. A inscrición dos menores na andaina é gratuíta e o límite de participación queda fixado en 300 persoas.
As probas competitivas, trail longo e curto, contarán cun total de seis categorías: xeral, sénior (ata 39 anos cumpridos o día da proba), veterá A (de 40 a 49 anos), veterá B (máis de 50 anos), por equipos e local. Levarán premios os primeiros tres clasificados en xeral, sénior e veterá, tanto en homes como en mulleres, así como os tres mellores equipos e o home e a muller empadroados en Rois que atravesen a meta en primeiro lugar. Os trofeos non serán acumulativos.
A recollida de dorsais efectuarase entre ás 8.00 e as 93.0 horas o mesmo día da proba no polideportivo de Rois. As persoas participantes deberán estar equipadas con manta térmica, cortaventos, chifre, teléfono e líquidos para hidratación.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse ao Multitúsos de Rois, chamando ao teléfono 981 816 061 ou escribindo ao correo electrónico deportes@rois.gal.
A terceira edición do Trail e Andaina Montes de Rois está organizada polo Concello de Rois e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Abanca, Agronovo Rois, Froiz, Panadería San José, Gadis, Agroesparis, Alimentación Marga e Casa Ferrerós.
As bases poden consultarse en arquivo adxunto e nesta ligazón.
Os tracks da proba poden verse nas seguintes ligazóns:

















