• O alcalde cualifica de “moi importante” este plan, que contempla 89 medidas para executar ata 2028.

  • O PSdeG vota en contra ao considerar que se fixo unha diagnose con datos estatísticos non actualizados

  • A moción reclamando rebaixas nas peaxes e a transferencia da AP-9 a Galicia foi aprobada cos votos a favor do PP e en contra dos socialistas

  • Por unanimidade aprobouse a moción do goberno local solicitando medidas que fomenten a igualdade entre homes e mulleres

 

A Corporación de Rois celebrou hoxe Pleno ordinario no que se aprobou o II Plan de Igualdade do Concello de Rois, cos votos a favor do equipo de goberno (PP) e en contra do PSdeG. Por unanimidade aprobouse a moción do grupo popular solicitándolle a Goberno central e Xunta medidas que fomenten a igualdade entre homes e mulleres. A iniciativa do grupo de goberno solicitando rebaixas nas peaxes e a transferencias da AP-9 foi aprobada cos votos a favor do PP e en contra do grupo socialista. A moción do PSdeG reclamando un PIE para a comarca do Sar foi rexeitada polo PP (vídeo íntegro do pleno neste enlace, preme aquí).

O alcalde, Ramón Tojo, cualificou de “moi importante” o II Plan de Igualdade que elabora o Concello de Rois, que contempla 89 medidas, para executar ata 2028, para fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Neste plan colaboraron as asociacións de mulleres rurais de Ermedelo e Urdilde, o CD Rois, a Asociación de Amas de Casa de Rois, as ANPA do CPI Os Dices e a Asociación Amipa.

Os socialistas opuxéronse argumentando que ten erros técnicos importantes (“utiliza datos estatísticos non actualizados”, sinalou, entre outros, Patricia Ces) e porque non se consultou coas 27 asociacións do municipio nin cos grupos políticos.

A moción sobre a autoestrada AP-9 presentada polo PP foi aprobada cos votos do equipo de goberno e en contra dos socialistas. Na mesma solicítaselle ao Goberno central o establecemento inmediato dun sistema de bonificacións de peaxes na AP-9 e deixar sen efecto as subas extraordinarias das peaxes, e pídeselle que se convoque canto antes a mesa conxunta coa Xunta para avanzar na transferencia a Galicia da autoestrada. Os socialistas votaron en contra ao considerar demagóxica a petición e indicando que foron os gobernos do PP os que prolongaron a concesión.

Por unanimidade aprobouse a moción do grupo de goberno relativa ao 8M, solicitándolles ao Goberno central a aprobación da Lei de igualdade Salarial e a modificación e actualización da Lei de conciliación e corresponsabilidade de 1999. Á Xunta pídeselle que poña en marcha medidas e programas de conciliación e corresponsabilidade entre homes e mulleres, e incentivar no ámbito laboral novas modalidades de traballo flexible, entre outras medidas. Os socialistas mostráronse de acordo coa exposición de motivos, pero non coincidiron coas demandas ao Goberno central, ao sinalar Patricia Ces que se aprobaron sendos decretos lei que inclúen as peticións da moción. Ao coincidir coas reivindicacións á Xunta, o PSdeG apoio esta iniciativa do PP.

A moción do PSdeG reclamándolle á Xunta a concesión un programa integrado de emprego para a comarca do Sar foi rexeitada cos 7 votos en contra do PP e 3 a favor do grupo socialista. Manuel Regueira (PSdeG) entende que a petición formulada polos concellos de Rois, Padrón, Dodro, Valga e Rianxo cumpre cos requerimentos establecidos, e que a Xunta non concedeu este plan debido aos recortes. O alcalde, Ramón Tojo, ao igual que en ocasións anteriores Rois, Padrón e Sar beneficiáronse dos PIE, que outros concellos non puideron organizar. “Antes acadábamos a puntuación necesaria para que nolo concedera, e nesta ocasión non”, concluíu o alcalde.