- Ramón Tojo considera que dende a Xunta se están aplicando políticas para evitar a emigración xuvenil
- O alcalde asegura que dende o Concello se desenvolveu a campaña de visibilización do colectivo LGTBI como pedía a Deputación
O equipo de goberno de Rois rexeitou hoxe as dúas mocións presentadas polo BNG e o PSdeG-PSOE alegando que tanto dende o goberno municipal como dende a Xunta xa se estaban a poñer en práctica algunhas das medidas que formulaba a oposición.
A moción do BNG solicitando instar a Xunta a poñer en marcha medidas para que a xuventude non teña que emigrar “evitando unha sangría” entre a mocidade, que os nacionalistas presentaron en decembro a solicitude de varios colectivos, foi rexeitada polo Partido Popular alegando que a Xunta xa desenvolve medidas para evitar a emigración. “Xa se están aplicando políticas para crear emprego digno e de calidade”, dixo o alcalde, recordando que en Rois hai empresas potentes e pouco paro. O apoio desta iniciativa contou con 4 votos a favor (BNG e PSdeG) e 7 en contra (PP).
A outra moción foi presentada polo PSdeG, reclamando medidas dende o concello para visibilizar ao colectivo LGTBI e pedindo accións de sensibilización entre a veciñanza de Rois (o pasado 28 de xuño celebrouse o Día do Orgullo LGTBI). O alcalde replicou que dende o Concello se seguiron as indicacións da Deputación Provincial, que propuxera facer unha campaña de sensibilización en redes sociais, “como así fixemos, con dúas publicacións que tiveron moitas interaccións”. Tojo recordou que neste tipo de campañas, dende o Concello son partidarios de unirse a iniciativas doutras administracións superiores, como ocorreu neste caso. “Xa estamos traballando nesa liña”, dixo o alcalde. A moción foi rexeitada cos 7 votos en contra do PP, e 4 a favor (BNG e PSdeG).