• As actuacións de Pepe Vaamonde Grupo e de Virandeira pecharon onte unha xornada dedicada aos sons de raíz
  • Agrupacións tradicionais mostraron na carballeira de San Mamede a puxanza da canteira musical galega e local

Máis de 750 persoas participaron onte, sábado 28 de xullo, nas actividades do Festival NaturFest de Rois, co que a agrupación OCT Chorima e o Concello de Rois quixeron poñer en valor as tradicións culturais e a contorna natural do municipio. O campo da festa de San Mamede acolleu durante todo o día música tradicional, xogos e unha comida popular nunha xornada que culminou coa actuación, á noitiña, de dous grandes conxuntos referentes do folk galego: Virandeira e Pepe Vaamonde Grupo.

Esta era a primeira das edicións do Festival NaturFest, que xorde da unión de dúas citas previas, o Chorima Naturfest e o Rois Arrasa!!! (este último promovido polo Concello). A cita quere converterse nun referente para os afeccionados ao folk da contorna, nun municipio cunha canteira musical especialmente fecunda. Para a festa dispuxéronse dous escenarios (un pequeno, para as actuacións máis tradicionais, e un móbil de grandes dimensións, para os conxuntos da noite) na carballeira situada a carón da igrexa de San Mamede. Tamén se instalou unha carpa na que se levou a cabo o xantar popular do mediodía, no que participaron arredor de 150 comensais.

A puxanza da base musical puido comprobarse coas actuacións matinais dos conxuntos locais Repeniqueiras de Urdilde e Pandeireteiras de Ermedelo, mostra do traballo interxeneracional que se leva a cabo no eido musical no concello. Pola tarde, tras do xantar, as encargadas de poñer a música foron de novo as diferentes agrupacións do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima (desde os conxuntos infantís ata os de máis veteranía) e da asociación San Xiao do Trebo, de Cariño. A recollida carballeira serviu tanto de zona para gozar coas pezas máis tradicionais como de área de descanso para prepararse para a festa nocturna ou de xogos para a infancia. Neste mesmo lugar, rodeada de carballos, instalouse a última hora do serán unha Ciclobiblioteca coa que os nenos e as nenas puideron gozar de contos, cancións e libros pensados para a sua idade.

Un momento do concerto de Pepe Vaamonde GrupoPola noite, no escenario grande, o NaturFest vibrou coas actuacións de dous conxuntos punteiros na música folk do país. En primeiro lugar, mentres marchaba o sol, actuou o grupo vigués Virandeira. A súa fusión de sons celtas e rock fixo bailar ao público máis novo e preparou o terreo para a actuación de Pepe Vaamonde Grupo. O conxunto, encabezado por un dos gaiteiros máis virtuosos de Galicia, repasou temas dos seus quince anos de carreira, centrando a actuación no seu último disco, dedicado ao lume, e facendo un aceno á importancia que Rois ten para a música popular galega: o propio Vaamonde afirmou, desde o escenario, que o municipio é un dos lugares nos que se recolleu unha parte importante das cancións tradicionais que hoxe se interpretan en toda Galicia.

Trail e andaina

Como complemento á cita musical, pola mañá celebráronse unha andaina popular para coñecer zonas de Rois con especial valor medioambiental; e unha competición de trail de 14,5 quilómetros na que participaron 155 atletas afeccionados.

Álbum de fotos en Facebook.