O Edificio Multiúsos de Rois acolleu este martes 14 de xaneiro a segunda xornada de formación do #ClubdeDebateAlingua, unha iniciativa que busca fomentar o pensamento crítico e a expresión oral entre a mocidade galega.

Nesta sesión participaron estudantes dos concellos de Dodro, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela e Teo. Organizados en grupos como XelmiDebate, Orfas Parrots, Galácticos, O clan dos estoicos, A tropa dos epicúreos, a mocidade realizou os seus primeiros ensaios diante do micrófono. Este traballo evidencia o alto nivel de preparación e compromiso dos participantes, augurando un gran éxito para o programa.

A xornada contou coa presenza do alcalde de Rois, Ramón Tojo, e da concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, quen expresaron o seu apoio aos mozos e mozas desta iniciativa. En particular, destacaron o labor do grupo de Rois composto por Mateo, Flavia, Sebastián, Noé, Mauro, Ileana Alba, Mariña, Samuel, Breixo e Paula. Ambos felicitaron aos participantes polo seu esforzo e agradecéronlle á profesora e preparadora Milagres Romero Susavila o seu traballo e dedicación profesional.

O Club de debate está coordinado desde os servizos de normalización lingüística dos concellos que participan no programa Alingua co obxectivo de promover o uso e defensa da lingua galega entre a mocidade. Este proxecto destaca como unha ferramenta clave para a integridade cultural e a cohesión social, reforzando o compromiso do concello co desenvolvemento educativo e cultural da comarca.