Cartel anunciador da programación de Cultura Dispersa 2025

A actuación do dúo Son II este sábado 17 de maio pola noite en Costa abrirá a edición deste ano de Cultura Dispersa, o programa cultural co que o Concello de Rois apoia as festas de cada unha das doce parroquias do municipio.

A meirande parte das actuacións, en coincidencia coas celebración das festas parroquiais, desenvolveranse durante o verán. Logo da apertura de Cultura Dispersa en Costa, a programación retomarase o mes que vén con outras dúas actuacións: o domingo 22 de xuño, a Banda Municipal de Música de Padrón acompañará a sesión vermú en Sorribas e o martes 24, día de San Xoán, o DJ Babi convidará a bailar pola noite a veciñanza de Buxán.

En xullo desenvolveranse outras dúas citas de Cultura Dispersa. A Charanga Os Celtas animará a alborada e a sesión vermú de Ribasar o venres 18, mentes que Disco Móbil Chocolate ofrecerá unha recompilación de éxitos para bailar o sábado 19 pola noite en Herbogo.

Agosto chegará cargado de actuacións musicais para todo tipo de públicos. A agrupación de música tradicional Os Jaitas Blues soará na alborada e na saída da misa en Augasantas o domingo 3 de agosto. A fin de semana seguinte, o sábado 9 tocará a Banda de música Vila de Cedeira á saída de música en Rois e o domingo 10 o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima protagonizará a alborada en Seira.

A fin de semana máis festiva do ano estará acompañada por Disco Móbil Chocolate na noite do venres 15 de agosto en Leroño, polo Dúo Stylo na sesión vermú de Urdilde o sábado 16 e pola charanga Os Xeitosos o domingo 15 na sesión vermú de Oín.

A OCT Chorima repetirá no Cultura Dispersa deste ano pechando a programación o domingo 7 de setembro na alborada e na saída da misa en Ermedelo.

Un ano máis, o Concello de Rois quere agradecer a colaboración das comisións de festas e das asociacións veciñais no desenvolvemento de Cultura Dispersa.