
Un cento de persoas de entre 2 e 82 anos participaron esta mañá no Día da Bicicleta, organizado polo Concello de Rois, facendo un percorrido de doce quilómetros polo municipio. José Ramón Vigo Ferradas, dodrense de 82 anos, volveu ser o participante de máis idade, mentres que Anxo Alonso Tubío, de dous anos, foi o de menor idade.
A comitiva partiu nesta ocasión do polideportivo de Rois, onde o Club Ciclista Padronés-Cortizo organizou unha xincana para que a cativada puidese practicar mentres se realizaba a inscrición na proba.
Tras pasar por Oín, A Peruca, Lamego, A Meana, Seaxe e o Casal, os participantes puideron repoñer forzas na praza fluvial de Seira, onde estaba o punto de avituallameto, antes de continuar por Seira, Oín e Antequeira para rematar de novo no polideportivo municipal.
Moitas familias acudiron ao completo para celebrar este Día da Bicicleta, entre elas estaba a de Anxo Tubío, que fixo o percorrido nunha silla na bicicleta do seu pai. Tamén acudiu unha nutrida representación da asociación compostelana Aspas.

José Ramón Vigo, que en decembro fará 83 anos, sinalaba antes de comezar a proba que soe saír en bicicleta dúas ou tres veces por semana, e que pode facer uns 30 quilómetros e dúas horas, demostrando así o seu bo estado de forma.
Ao rematar esta vixésima edición do Día da Bicicleta houbo sorteo de agasallos entre todas as persoas participantes, doados por AdeMario, o Club Ciclista Padronés Cortizo e restaurante Pedra Santa. A bicicleta de montaña foi para Carlos Miramontes, e a cea para dúas persoas no restaurante compostelá Pedra Santa gañouna Lourenzo Somoza. Entregaron os premios os concelleiros roisenses José Luis Ares e Antonio Esparís.

















