Vista aérea do núcleo da Calle, en Urdilde, Rois

O Consello da Xunta autorizou onte o convenio de colaboración co Concello de Rois para construción da nova depuradora de Urdilde, que suporá un investimento de 915.000 euros e poderá tratar as augas residuais de 546 habitantes equivalentes que residen no núcleo urbano da Calle e no de Macedos. As obras teñen un prazo de execución de oito meses

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80%, achegando 732.000 euros. O Concello Rois contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 183.000 euros. O Pleno da Corporación de Rois xa aprobara no mes de setembro por unanimidade a firma do convenio con Augas de Galicia para construír esta importante infraestrutura para o municipio.

Augas de Galicia tamén levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización. As obras teñen un prazo de execución de oito meses. 

Pola súa banda, a entidade local asume tamén a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, o mantemento e a conservación das actuacións que se leven a cabo. 

Esta intervención será financiada pola Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

O actual sistema de depuración de que dispón o núcleo da Calle, en Urdilde, presenta deficiencias de funcionamento, carencias respecto da accesibilidade para poder realizar as operacións de mantemento e unha elevada distancia ao punto de vertedura. 

A Xunta e o Concello coinciden na necesidade de abordar a mellora do sistema de depuración das augas residuais deste núcleo, a través da construción dunha nova depuradora en Urdilde, localizada máis preto do punto de vertedura. 

Deste xeito, garantirase o cumprimento dos obxectivos de vertedura ao medio receptor, dimensionando a depuradora para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento, de tal modo que a depuradora proporcione tratamento á totalidade das augas residuais producidas na área. 

Segundo o proxecto redactado por Augas de Galicia, as obras obxecto do convenio autorizado onte polo Executivo autonómico comprenden a execución dunha nova estación de tratamento de augas residuais con sistema de depuración por biodiscos e o desmantelamento da depuradora actual de Urdilde, que se manterá en funcionamento ata a entrada en servizo da nova infraestrutura. 

O novo sistema estará dotado de arqueta de chegada, by-pass xeral, desbaste mediante dobre canle, pretratamento mediante tanque Imhoff, con zona de decantación e zona de dixestión, tratamento biolóxico e medida de caudal de auga tratada. 

Ademais, executaranse 519 metros de colector desde a estación actual ata a arqueta de entrada da futura depuradora, e disporase de 61 metros de colector desde a arqueta de saída ata o punto de vertedura. Tamén se acondicionará o acceso á nova depuradora. 

A nova depuradora proxectada pola Xunta poderá dar tratamento as augas residuais de 549 habitantes equivalentes. 

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, e continuar mellorando a calidade de vida da poboación no rural.