Notice: Undefined index: file in /home/rois/www/wp-includes/media.php on line 1749
-
Persoas de todas as idades de diferentes puntos de Galicia gozaron co concerto dun grupo referente da música tradicional galega
-
Virandeira Folk puxo o peche a unha xornada na que o bo ambiente e a convivencia interxeracional e familiar foi a tónica
-
Grupo do OCT Chorima, Grupo de Danzas da Asociación Leira de Ordes e Os Trazantes de Tenorio de Cotobade, protagonistas do festival folclórico da tarde
Nin os máis vellos do lugar recordan algo semellante. O campo da festa de Rois quedouse onte pequeno para acoller ás 1.500 persoas de todas as idades e procedentes de diferentes puntos de Galicia que se achegaron ao festival Natufest para asistir en directo ao concerto de Treixadura, un dos referentes da música tradicional galega. “Vin a xente de Rois no campo da festa que nunca a vira antes nun concerto ou festival”, aseguraban membros da organización do Rois Naturfest, organizado polo Concello de Rois e o OCT Chorima coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Treixadura presentou en Rois o seu último disco, ‘Inda Canto!’, nun concerto que xa ten percorridas 30 localidades galegas pero que aínda conta con moito tirón. Disto da fe o feito de que onte en Rois houbera persoas das catro provincias galegas, algunhas chegadas ata de Monforte. Ademais de cantar as cancións do seu novo traballo, Treixadura, que no 2020 cumprira 30 anos sobre os escenarios, tamén cantou algúns dos temas máis populares que lle deron soa internacional como ‘Se chove’ ou ‘O carro’, a súa versión do poema de Manuel María.
Unha hora e media de música de gran calidade que fixo gozar a o público que enchía o campo de festa, e no que se mesturaron persoas de todas as idades, dende nenos que ían en cadeiras para bebés ata bisavós. Todos eles cantaron, bailaron e aplaudiron a música dun grupo que xa ten seis discos no mercado e segue fiel ao seu son característico tentando levar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico para recuperar o importante legado dos nosos ancestros.
Despois tocoulle a vez a Virandeira Folk, o grupo vigués que sabe como ninguén mesturar diferentes xéneros, dende a música celta ao rock, volveu estrear unha canción en Rois, como xa fixera o ano pasado, e que levantou numerosos aplausos entre o público presente.
Así remataba unha gran noite na que representantes de Treixadura agradeceron o esforzo do Concello de Rois e da Rede Cultural da Deputación por contar con eles para formar parte do Rois Naturfest, ao tempo que recoñecían a importancia de que fosen os grupos locais os que participasen no festival folclórico da tarde. Pola súa banca, Chema Alonso, de Viraneira Folk, calificou en varias ocasión ao Rois Natufest como “un festivalazo que non defrauda” e do que o grupo vigués se sinte orgulloso de formar parte.
O Rois Naturfest xurdiu da fusión do Rois Arrasa; organizado polo Concello, e do Naturfest, promovido polo OCT Chorima, que ten como un dos seus obxectivos “situar a Rois como un referente na promoción da música galega e para poñer en valor o patrimonio artístico e cultural cun evento que sexa recoñecido más aló das nosas fronteiras” , como sinalaba o alcalde, Ramón Tojo, na presentación.
Trail, xantar popular e festival folclórico
O certo é que foron moitos os parabéns que recibiu a organización do Rois Natufest, da que forman parte representantes do Concello de Rois e do OCT Chorima. Pero o exitoso festival foi só a última actividades dunha intensa xornada, que comezaba pola mañá coa saída da andaina e do III Trail Naturfest, no que máis dun cento de participantes percorreron 15 quilómetros polo municipio de Rois. Os gañadores deste trail foron Luis Calvo Castro e Verónica Calvo Dopazo (categoría sénior), e Daniel Paz Pardo e Beatriz Barroso Pérez (veteráns). Os resultados do trail podense ver neste enlace (preme aquí).
As Pandeireteiras de Ermedelo puxeron a música matinal antes de que dese comezo o xantar popular, no que este ano participaron 180 persoas, o dobre que o ano pasado, unha mostra de que a iniciativa do Concello e de Chorima de promover conxuntamente esta iniciativa empeza a dar os seus froitos. Estaba previsto que tamén intervisen as Repeniqueiras de Urdilde, pero finalmente non estiveron presentes debido a unha grave enfermidade da súa presidenta.
Os xogos populares deron paso a media tarde a un festival folclórico no que participaron diferentes agrupacións do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, o Grupo de Danzas da Asociación Cultural Leira de Ordes e a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio, de Cotobade (Pontevedra).
Unha xornada intensa, de convivencia e para recuperar vellas tradicións coa que a organización quere “manter o sentimento das vellas tradicións do pobo e dos seus costumes. Xuntar ás persoas do noso entorno e a outras de toda Galicia, para pasar un día de lecer, un día de convivencia, onde nos vexamos e, todos xuntos, poidamos gozar do deporte, do xantar, dos xogos, do baile, da música e das nosas tradicións”, como mencionaba Laura Ríos o día da presentación.
No descanso do festival, a organización entregou o premio do xorteo que de Facebook e grazas ao cal Maty Moares Lago gañou unha cea para dúas persoas no restaurante Fogar do Selmo.
Album de fotos resumo da xornada no Facebook do #RoisNaturfest (neste enlace).