Cartel coa programación de Nadal en Rois

Rois vivirá intensamente o Nadal. A actividades xa tradicionais como o concerto da Escola de Música Municipal ou a comitiva dos Reis Magos polas parroquias sumaranse propostas de teatro, cine ou unha viaxe en tren a Santiago. Ademais, o Concello promove un ano máis o programa lúdico e educativo Divernadal para facilitar a conciliación durante todo o período das vacacións escolares.

O Concerto de Nadal da Escola de Música Municipal abrirá o vindeiro domingo, 15 de decembro, a programación coa que o Concello de Rois celebrará este Nadal. Alumnado e profesorado convidan a toda a veciñanza a desfrutar dun variado repertorio, que comezará a soar a partir das seis da tarde no auditorio municipal.

A seguinte cita está fixada para o venres 20 de decembro, cando no auditorio se represente a función Carapuchiña Vermella. Este espectáculo para público familiar, que chega a Rois da man da compañía Educateatro, levaranos con Caperuchiña a través do bosque para divertirnos con moitas cancións e sorpresas. Empezará ás 18.00 horas. O acceso é libre ata completar aforo.

Coincidindo con este espectáculo, o Concello de Rois entregará os premios do Concurso de Postais de Nadal. O xurado escolleu o debuxo de Lía Seco Ares, alumna de 6º de primaria do CEIP Os Dices, como felicitación institucional do Concello.
As actividades para público familiar durante o Nadal inclúen así mesmo unha viaxe en tren e unha sesión de cine para as que é preciso facer inscrición previa por correo (inscricions@rois.gal) ou por teléfono (981 816 061). O prazo remata o xoves 26 de decembro e as prazas son limitadas.

A viaxe en tren está fixada para o venres 26 de decembro. Coa colaboración da Asociación de Amigos do Ferrocarril, trasladarémonos dende Padrón a Santiago para coñecer polo miúdo o Verderón, o vagón dun tren que estivo en funcionamento ata os anos 70 e que hoxe en día se atopa no exterior da estación compostelá convertido en espazo museístico. O tren sairá dende a estación de Padrón ás 16.00 horas e o regreso está fixado para ás 20.30 horas. O prezo da viaxe é de 7 euros por persoa adulta e ata dous menores ao seu cargo. Ademais de coñecer o Verderón, teremos algún tempo para desfrutar de Santiago no Nadal.

A outra actividade con inscrición é unha sesión de cine moi especial. Con flocos de millo e refresco, o venres 3 de xaneiro poderemos gozar no auditorio da película Bella e o circo máxico, coa que seguiremos as peripecias de dous amigos, Ella Bella e Henry, cando deciden montar un circo. A película está programada para as 18.00 horas.

Á hora de inscribirse nestas dúas actividades, terán preferencia as persoas empadroadas en Rois.

As actividades de Nadal pecharanse o domingo 5 de xaneiro coa chegada dos Reis Magos. As Súas Maxestades de Oriente volverán percorrer un ano máis as parroquias roisenses para saudar a toda a cativada do municipio e escoitar as súas peticións. A comitiva iniciará o seu itinerario no campo da festa de Rois ás 10.45 horas e pasará pola mañá por Buxán, Leroño e Augasantas antes de achegarase pola tarde a Ermedelo, Urdilde, Costa, Herbogo, Seira, Sorribas, Ribasar e Oín, en cuia igrexa se desenvolverá a tradicional ofrenda. As distintas asociacións veciñais colaborarán neste percorrido desenvolvendo actividades e merendas nos locais sociais.

Tralo percorrido real polas parroquias, a festa continuará no polideportivo de Rois, onde a cativada poderá gozar de música, xogos e obradoiros dende as 18.30 horas. A recepción oficial aos Magos de Oriente terá lugar a partir das 20.00 horas, coa entrega de agasallos a todas as nenas e nenos, ademais da tradicional chocolatada.


Actividades interxeracionais

O Concello de Rois organiza un ano máis Divernadal, unha iniciativa que combina actividades lúdicas e educativas con excursións e outras propostas para facilitar a conciliación durante todo o período de vacacións escolares.

Ademais, o alumnado de infantil e primaria dos centros escolares do municipio participa na campaña Un Nadal con Apego, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego e reforzar os vínculos das nenas e dos nenos co noso idioma. Os centros reciben modelos de cartas e recortables para enviarlles aos seres máxicos do Nadal. O Concello organiza a recollida das cartas por parte dos paxes reais.

O goberno municipal fomenta tamén nestas datas as relacións interxeracionais, tal e como queda patente nos cantos de Nadal que as agrupacións das Cantareiras das Amas de Casa de Rois, das Repeniqueiras de Urdilde e das Pandeireteiras de Ermedelo levarán nestes días aos colexios do Pumar e dos Dices. Así mesmo, e como xa se fixo en anos anteriores, o alumnado do CEIP Os Dices enviaralles debuxos e cartas ás persoas maiores que viven soas, como forma de combater a soidade durante as festas.

Como vén sendo habitual nas vacacións de Nadal, o departamento de Cultura do Concello de Rois compartirá cos centros escolares e con toda a veciñanza unha listaxe de lecturas con títulos para ler ou agasallar nestas datas.