Queiman

As previsións de mal tempo e choivas durante toda a xornada de mañá levou o Concello de Rois a tomar a decisión de trasladar ao polideportivo o espectáculo que o grupo Queiman e Pousa ofrecerá a partir das 19.00 horas. O grupo liderado por Bruxo Queiman e Andrea Pousa ía actuar no campo da festa, con motivo da celebración do Santo Isidro. O Concello agardará a mañá para decidir se mantén o domingo a actuación de Berlai na parroquia de Costa.

Meteogalicia anuncia choivas durante todo o día de mañá, motivo polo que o Concello de Rois tomou a decisión de trasladar ao polideportivo dos Dices o espectáculo Un verso. Un cantar, do grupo Queiman e Pousa. A actuación comezará ás 19.00 horas.

O Concello vai cumprir coas medidas de prevención da covid-19 que establece a normativa vixente, polo que se limitará o aforo, manterase a distancia de seguridade e todas as persoas asistentes deberán estar sentadas durante o espectáculo, ben nas bancadas ou nas cadeiras que se colocarán na pista, segundo corresponda.

Protección Civil de Rois vai colaborar para que se respecte a normativa en todo momento.

A actuación de Berlai en Costa, pendente da choiva

Por outra banda, o domingo está previsto celebrar o primeiro espectáculo do programa A cultura dispersa por Rois coa actuación do grupo Berlai nas inmediacións da capela da Inmaculada Concepción, na parroquia de Costa, a partir das 21.00 horas.

O Concello agardará ata mañá, sábado, para decidir se o espectáculo se mantén ou se suspende en función das previsións meteorolóxicas.