O Concello de Rois vén de publicar un bando no que indica como se debe proceder á separación de residuos nos diferentes colectores distribuídos polo termo municipal. Na mesma liña, o consistorio anima á veciñanza a separar a materia orgánica e empregala na elaboración de compost.
Nun cartel que forma parte da campaña de compostaxe doméstica posta en marcha no pasado mes de xullo, o Concello lembra a importancia de separar a materia orgánica para poder reciclala. Así, inicia que “o paso máis importante, para levar a cabo o proceso de compostaxe, é separar correctamente os residuos orgánicos que xeramos nos nosos fogares”. “A obtención dun compost de calidade depende directamente desta separación en orixe”, incide.
No que toca á recollida de residuos, o Concello publicou un bando no que recorda á veciñanza que refugallos deben introducirse en cada tipo de colector: no verde, materia orgánica, sempre dentro dunha bolsa; no azul, papel e cartón de todo tipo; no iglú verde, botellas e tarros de vidro, pero non envoltorios, tapas, rollas ou vidros especiais e cristais; e no contedor con tapa marela, toda a materia inorgánica, plásticos e materiais que non se poidan introducir nos anteriores.
Tamén recorda o consistorio que Rois conta cun servizo de recollida de obxectos voluminosos que funciona en todo o termo municipal. Para facer uso del hai que chamar á planta de reciclaxe de Servia (981191240 – 639107638) e depositar o refugallo xunto as colectores habituais no día sinalado. Os aparellos electrónicos recóllense o terceiro martes de cada mes porta a porta, pero é preciso chamar ao Concello para avisar (981 804 109).
Tamén se dispuxeron en Samil (Oín) e na Calle (Urdilde) minipuntos limpos para recoller pilas, teléfonos móbiles vellos, cedés, lámpadas, cartuchos de tinta, baterías e pequenos aparellos electrónicos. Nestes mesmos lugares, e tamén no Sisto (Ribasar) a veciñanza ten ao seu dispor puntos de recollida de aceite de cociña, que se debe depositar sempre en envases de plástico.
O Concello pide colaboración cidadá para manter limpo o territorio e contribuír á tarefa colectiva de coidar o medio natural. Así, anima a denunciar a existencia de vertedoiros incontrolados e de condutas incívicas relacionadas co depósito de refugallos.
Podes consultar máis polo miúdo que tipo de residuos deben depositarse en cada colector e cales non no bando sobre a recollida de residuos anexo a esta nova.